26 noviembre, 2025
Baixo o lema “Visión da empresa actual”, o certame convida a afeccionados e profesionais da fotografía a retratar a vida empresarial, as instalacións, os produtos e o equipo humano das empresas situadas no polígono, reflectindo unha visión dinámica, positiva e creativa do tecido industrial e comercial do Milladoiro.
As persoas interesadas en participar deberán enviar a súa fotografía (unha por persoa) ao enderezo de coreo electrónico foto@aenovomilladoiro.com, indicando no asunto “Certame fotográfico: título da fotografía”. Para participar non hai limitación de idade e é necesario residir en España. As fotografías poden ser enviadas tanto en cor como en branco e negro, e poderase utilizar calquera técnica fotográfica sempre e cando a peza mostre unha ligazón co Parque Empresarial do Milladoiro. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 30 de novembro de 2025 ás 23:59 horas.
Profesionais da fotografía, representantes do Concello e membros da Asociación conforman un xurado que outorgará ás mellores fotografías tres premios de 500, 400 e 300 euros (aos que se lle aplicarán as retencións fiscais pertinentes), respectivamente. Tanto as obras premiadas como as finalistas serán expostas na Casa da Cultura do Milladoiro a partir do 18 de decembro e ata o 31 de xaneiro do vindeiro 2026. Posteriormente, exhibiranse tanto na sede da AEPEM como nas súas redes sociais.
A gala de entrega de premios celebrarase o xoves 18 de decembro de 2025, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Durante o acto proxectaranse todas as fotografías presentadas e daranse a coñecer as persoas gañadoras. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web www.aenovomilladoiro.com ou contactar coa Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro no correo info@aenovomilladoiro.com.
Os premiados no 2024
Na anterior edición deste certame a fotografía gañadora foi O Flatiron, de Alberto Cachafeiro Sánchez, quen levantou o premio Tesec Audiovisuais, dotado con 500 euros. A imaxe foi amplamente valorada por todos os membros do xurado.
Na segunda posición, o premio Fílmate Estudios Fotográficos, dotado con 400 euros, foi para María Jesús Pena Álvarez co seu traballo Gulliver. O premio Técnicas de Ocio Galicia, dotado con 300 euros, foi para Chegando co Futuro Na Man, realizada pola gran aficionada á fotografía: Jacqueline Silveira Calviño, na entrada do novo hotel do Milladoiro.