5 agosto, 2024
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, celebrará a súa 11ª edición do 8 ao 10 de agosto. Este evento, único no noroeste peninsular e centrado na música producida pola arpa, regresa á localidade coruñesa para ofrecer tres xornadas cheas de talento, música e diversidade estilística, coa arpa como protagonista absoluta.
Nesta edición, Noia acollerá bandas e solistas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, quen amosarán a súa notable calidade artística en eidos como a música clásica, o folk e o jazz. Artistas como Momi Maiga, Descofar, Camille Levecque, Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk, xunto a outros artistas e colectivos galegos, conformarán o cartel deste ano.
Codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, o Noia Harp Fest conta co apoio do Concello de Noia, a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña. Este ano, o festival terá máis escenarios que nunca: seis espazos acollerán o evento, ofrecendo desde concertos íntimos ata propostas máis amplas. Os concertos realizaranse na Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, e os novos escenarios do Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. A programación desenvolverase cada xornada en dous recintos diferentes, espallando así a proposta musical pola localidade, e a entrada a todos os concertos será de balde.
O 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta que procura estimular a relación entre os instrumentistas máis novos do país. Este ano, o alumnado procede da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos). Un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos desde primeira hora da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo o xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no Liceo, onde os estudantes interpretarán un tema en común.
Xa pola tarde, o alumnado galego de arpa gozará dunha sesión de convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes. A xornada inaugural pecharase ás 20.00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na Rúa do Curro, nova sede do festival. Nesta foliada participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu, e o baile final virá da man da banda do NHF.
A segunda xornada do 11º NHF centrarase nas músicas de raíz. A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, ofrecerá un recital ás 19.00 horas do venres 9 en Santa María A Nova, onde se poderán escoitar temas dos seus álbums en solitario. Pola noite, a programación trasladarase ao Teatro Coliseo Noela. Actuarán Solomiia Savchuk, moza ucraína residente en Ferrol e destacada intérprete de bandura, un instrumento de corda pulsada do seu país; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica, quen presentarán o seu álbum máis recente, élan (2023).
A terceira e última xornada desta edición será o sábado 10 de agosto. A francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do evento, nun concerto íntimo onde o público poderá coñecer de preto o traballo dunha intérprete que colaborou con artistas internacionais como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger.
Xa pola noite, a partir das 21.00h, a Praza do Tapal acollerá directos marcados pola experimentación. O trío Descofar, un híbrido de música bretoa, post-rock e improvisación, presentará o seu LP Chimera. O peche do festival será a cargo do cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará o seu primeiro disco, NIO. No escenario, a kora, o violín, o violonchelo, a percusión e a voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular, entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.