19 agosto, 2024
O Concello de Silleda conmemora este 19 de agosto o Día Internacional da Fotografía recoñecendo a traxectoria de Pilar Abades, veciña de Lamela, dedicándolle o recoñecemento (in)Visibles, un programa que busca visibilizar a pegada e o legado das mulleres no municipio.
Pilar Abades naceu en 1985 en Lamela, onde sempre atopou inspiración e referentes para os seus proxectos fotográficos e audiovisuais. Actualmente, é integrante da cooperativa Illa Bufarda, que recentemente recibiu o Premio á Excelencia Empresarial en Innovación e Comercialización de produtos e servizos culturais. Pilar Abades é a directora de fotografía do filme documental «Negro Púrpura», unha das producións máis destacadas da cooperativa, actualmente dispoñible en Filmin.
Inspirada pola obra fotográfica de Sally Mann e impulsada pola curiosidade que a cámara e os álbums familiares espertaban nela, Pilar Abades soubo dende a adolescencia que quería estudar fotografía. En 2005 comezou a súa carreira profesional, primeiro como Técnica Superior en Imaxe no CIFP de Imaxe e Son da Coruña, e posteriormente licenciándose en Comunicación Audiovisual polas Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.
Na universidade, Pilar forxou relacións clave para o seu desenvolvemento laboral. De 2009 a 2012, traballou como investigadora e deseñadora de exposicións no Arquivo Pacheco de Vigo, publicando o seu primeiro artigo na Revista Grial xunto con Pablo Prado, no que investigaban sobre a fotografía post mortem.
Posteriormente, Pilar abriu o seu propio estudo de fotografía na casa familiar de Lamela, convencida de que dende o rural é posible desenvolver un traballo creativo. Durante estes anos, formou parte do equipo editorial da revista fotográfica Caleidoscópica e participou en diversas exposicións colectivas. Ademais, continuou a súa formación en dixitalización do patrimonio, análise e crítica artística, e iniciou o Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato na especialidade de Artes Plásticas na USC.
En 2019, integrouse na cooperativa Illa Bufarda, fundada en 2012 por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, onde realiza labores de fotografía, audiovisual, deseño, animación, comunicación e formación nestas áreas.
Logo de 15 anos de traxectoria profesional, Pilar Abades está convencida do poder transformador da linguaxe fotográfica e audiovisual para traballar en materia de lingua, xénero e identidade.