26 junio, 2024
O Concello de Silleda comezou hoxe mércores 26 de xuño a desenvolver o Plan de Xestión de Colonias Felinas, impulsado polo goberno municipal, coa captura, esterilización e posterior retorno dos gatos rueiros. Estase aplicando o método CER, que axuda a controlar a poboación dos gatos nas rúas. Faise así un control sanitario das colonias felinas ao tempo que, grazas á esterilización de polo menos un 75 dos integrantes, estabilizase a poboación de gatos nas rúas para que vaia diminuíndo e mesmo quede erradicada.
En concreto, o Concello de Silleda está seguindo un plan de actuación que comeza coa captura dos gatos para proceder a desparasitalos e vacinalos, esterilizalos e identificalos, antes de devolvelos ao seu territorio de orixe, que estará limpo e desinfectado. Unha vez alí, serán alimentados e vixiados coa fin de facer un seguimento.
Os beneficios deste método de colonias felinas tradúcese nun descenso de enfermidades infecciosas, a hixienización da zona e a diminución progresiva de membros da colonia. Ademais, tamén se demostrou que a esterilización dos machos evita desprazamentos para buscar parella e, con eles, o perigo de accidentes e atropelos.
Reunión cas persoas voluntarias
O Concello de Silleda continúa a solicitar a colaboración da veciñanza para levar a cabo as distintas accións contempladas no plan. A día de hoxe, a entidade local conta xa con catro persoas que se inscribiron como voluntarias para participar na xestión de colonias felinas.
En vindeiras datas celebrarse unha reunión para establecer as pautas e procedementos a seguir, toda vez que o proceso comezou a iniciarse con persoal municipal.
A cada persoa ou grupo de persoas colaboradoras, se lles asignará o coidado dunha colonia e, entre as súas tarefas, estará a subministración dunha alimentación axeitada facilitada polo Concello, a limpeza periódica de comedeiros e bebedoiros e a comunicación co Concello para dar conta de calquera incidencia.
As persoas ou asociacións interesadas en formar parte do programa deben cubrir o modelo de solicitude correspondente, dispoñible no arquivo que acompaña esta nova, e presentalo de xeito presencial no Rexistro Xeral ou ben telemáticamente por sede electrónica.
As persoas solicitantes pasarán a formar parte dunha listaxe de persoas colaboradoras autorizadas e recibirán un carné identificativo.