29 agosto, 2024
O Concello de Silleda abre o prazo de inscrición para a sexta edición do Club de Lectura Feminista «Máis Violeta». Esta actividade, que se desenvolverá na Biblioteca Municipal Daniel Castelao, está destinada a todas aquelas mulleres que desexen formar parte dun espazo de reflexión e debate centrado na literatura con perspectiva feminista.
O período de inscrición estará aberto dende hoxe o 28 de agosto ata o xoves 5 de setembro, e as prazas están limitadas a 15 participantes que se seleccionarán por orde de inscrición. As interesadas poden inscribirse no Centro de Información á Muller (CIM) de Silleda, contactando a través do teléfono 986592037 ou enviando un correo a cim@silleda.es.
O Club de Lectura «Máis Violeta» arrancará o venres 6 de setembro e terá unha periodicidade quincenal. Nesta nova edición, o club reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade e a creación de pensamento crítico a través da literatura. As sesións estarán dedicadas á análise e discusión de títulos que aborden diversas temáticas feministas, sempre coa finalidade de fomentar o debate e a reflexión entre as participantes.
Entre os seus obxectivos está empoderar ás mulleres a través da cultura, permitindo visualizar realidades que moitas veces quedan fóra dos discursos dominantes. A través da literatura feminista, as participantes terán a oportunidade de explorar novas perspectivas, compartir experiencias e fortalecer o seu compromiso coa igualdade.
Entre os compromisos que se esperan das participantes están o respecto ás opinións de todas as integrantes, o cumprimento das lecturas acordadas e a asistencia regular ás sesións. O funcionamento do club baséase nunha dinámica consensuada que permite a todas as participantes sentirse parte activa deste espazo de crecemento colectivo.
O Concello de Silleda anima a todas as mulleres interesadas en explorar o feminismo a través da lectura a unirse a esta nova edición de «Máis Violeta» e formar parte dunha comunidade baseada na sororidade e o pensamento crítico.