29 octubre, 2025
O Concello de Santa Comba recibirá un total de 399.992,44 euros ao abeiro do adicional 4/2025 do Plan Único de Concellos (POS+), unha achega da Deputación da Coruña que, segundo destacou o alcalde Alberto Romar nun pleno extraordinario celebrado onte, sitúa ao municipio “entre os que máis fondos perciben na comarca de Santiago”. O rexedor salientou que estes recursos son o resultado da aplicación de criterios obxectivos e instou a outras administracións a seguir o exemplo da institución provincial.
Do importe total, 267.997,07 euros destinaranse a gasto corrente, co obxectivo de reducir o período medio de pago a provedores e saldar facturas pendentes. Romar reiterou o compromiso do goberno local para que ao final da lexislatura “todas as facturas se paguen en tempo e forma”.
Os 131.995,37 euros restantes reservaranse para investimentos financeiramente sostibles, correspondentes a catro proxectos de obras que serán sometidos a debate no pleno ordinario de novembro. O alcalde avanzou que as actuacións estarán enfocadas a cumprir a promesa municipal de aglomerar núcleos de poboación nas diferentes parroquias do concello.
Durante a sesión, Romar insistiu en que a asignación recibida evidencia o bo posicionamento de Santa Comba dentro dos criterios de reparto establecidos pola Deputación da Coruña. “Vemos que o noso concello é un dos máis beneficiados. Agardo que outras administracións utilicen tamén estes criterios e nos asignen o que realmente nos corresponde”, afirmou.
Pola banda da oposición, a voceira do Partido Popular, María Pose, xustificou a abstención na votación pola falta de diálogo previo do goberno na selección dos proxectos. O punto foi aprobado cos sete votos favorables do executivo socialista e a abstención do PP.
O pleno deu tamén luz verde á modificación da Ordenanza reguladora da protección de camiños municipais en relación a operacións forestais, accesos e conservación. A normativa, aprobada en 2017 e xa revisada en 2022, afectará especialmente ao sector madeireiro.
O goberno local explicou que o cambio busca “darlle un voto de confianza aos madeireiros”, permitindo realizar cortas nos meses de decembro, xaneiro e febreiro en zonas onde as pistas non estean asfaltadas. Romar subliñou que, tras algunhas sancións ao comezo do mandato, o sector “está cumprindo con responsabilidade”, depositando avais, efectuando comunicacións previas e reparando camiños deteriorados.
“Queremos facilitar que as vinte empresas do sector poidan traballar tamén no inverno, vendo que están a cumprir coas súas obrigas”, declarou o alcalde, quen admitiu que “rectificar é de sabios”. Con todo, insistiu en que o Concello continuará esixindo o cumprimento estrito das normativas vixentes.