21 junio, 2024
As escolas deportivas municipais de Rois pecharon o curso 2023/2024 coa entrega de diplomas á cativada participante, que tivo a ocasión de mostrarlles ás súas familias e amizades todo o que aprenderon nestes últimos meses con exhibicións de varias disciplinas nos polideportivos dos Dices e do Pumar. Tamén se entregaron os diplomas das actividades culturais, que se clausuraron no auditorio coa estrea da obra ‘Mórdeme’ da grupo local de teatro Vacalouras.
Os actos de clausura comezaron o xoves pola tarde no polideportivo roisense dos Dices, onde o público puido gozar de exhibicións de baile deportivo, tenis, ximnasia rítmica, atletismo e patinaxe artística.
Os concelleiros de Deportes, José María Ares, e de Medio Ambiente, Manuel Cobas, foron os encargados de entregar os preto de 120 diplomas ás nenas e aos nenos que asistiron este curso ás escolas deportivas en Rois, que contaban tamén coa modalidade de xadrez.
A festa trasladouse despois a un auditorio que se encheu para asistir á estrea da obra ‘Mórdeme’ do grupo de teatro municipal Vacalouras. Ademais, as familias puideron gozar do concerto A landra viaxeira ofrecido polo dúo Os Jalochos.
Nenas e nenos participantes nas actividades culturais municipais recibiron así mesmo os seus diplomas de teatro, informática e arte. Precisamente as obras realizadas neste taller de arte e creatividade, que imparte o escultor local Camilo Seira, é obxecto dunha exposición que pode verse nestes días no auditorio.
Unha merenda e partidas simultáneas de xadrez pecharon a xornada.
A clausura das escolas deportivas continuou este venres pola mañá no polideportivo do Pumar, en Urdilde, con exhibicións de tenis, baloncesto, judo e patinaxe artística. Un total de 77 nenas e nenos recibiron os diplomas que acreditan o seu aproveitamento do curso. Entregáronllos o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Asuntos Sociais, Mercedes Basante, que tamén obsequiaron aos deportistas cunhas galletas co escudo do Concello de Rois realizadas pola panadería San José.
Despois, no patio do colexio do Pumar, todo o alumnado do colexio do Pumar puido gozar de diversos xogos, un xadrez xigante e inchables.