13 octubre, 2025
O Concello de Rois pon en marcha un novo ciclo formativo baixo o título “Natureza e cultivos: flores, hortas e xardíns”, que pretende fomentar o respecto polo medio natural e promover prácticas sostibles entre a veciñanza. A iniciativa inclúe catro cursos prácticos que se celebrarán entre novembro e xaneiro e abordan diferentes ámbitos, desde a arte floral e o uso responsable de produtos fitosanitarios ata a fruticultura e a horticultura ecolóxica. As inscricións estarán abertas a partir do mércores 15 de outubro.
Dirixidos a persoas de todas as idades interesadas na xardinería, o coidado da terra e a produción responsable de alimentos, os cursos combinarán contidos teóricos e prácticos e serán impartidos por profesionais especializados. As prazas son limitadas e os prezos accesibles, co fin de facilitar a participación do maior número de persoas.
O primeiro curso, de arte floral ornamental, desenvolverase os venres 7, 21 e 28 de novembro e 5 e 12 de decembro, en horario de 19.00 a 21.00 horas. Durante as sesións, os participantes aprenderán a crear centros, coroas e grilandas con temáticas de Nadal, utilizando diversas técnicas que potenciarán a súa creatividade e habilidades decorativas. O custo é de 25 euros e o prazo de inscrición permanecerá aberto do 15 ao 31 de outubro.
Tamén en novembro terá lugar o curso de produtos fitosanitarios, dirixido a quen desexe obter o carné oficial homologado pola Xunta de Galicia e válido en toda España. Este curso celebrarase en Rois os días 22, 23, 29 e 30 de novembro, e en Urdilde os días 8, 9, 15 e 16 de novembro, de 8.00 a 15.00 horas. A matrícula, que inclúe taxas e tramitación do carné, custa 125 euros, e as inscricións poderán formalizarse do 15 ao 22 de outubro.
Xa en xaneiro, o Concello ofrecerá dous cursos centrados na práctica agrícola. O curso de fruticultura, poda e enxertos celebrarase os sábados 10, 17, 24 e 31 de xaneiro, de 10.00 a 12.30 horas, e permitirá aos participantes coñecer distintos tipos de poda e enxerto, identificar enfermidades e pragas comúns e realizar prácticas na horta. O prezo será de 25 euros, con inscricións abertas do 15 de outubro ao 20 de decembro.
Por outra banda, o curso de horticultura ecolóxica celebrarase os venres 9, 16, 23 e 30 de xaneiro, de 16.30 a 19.00 horas, e abordará técnicas de cultivo respectuosas co medio ambiente, incluíndo temas como a saúde e biodiversidade dos solos, fertilización natural, acolchados, asociación de cultivos e control ecolóxico de pragas. Tamén se realizarán prácticas de cultivo en camallón. O prezo será de 25 euros, con inscricións abertas do 15 de outubro ao 20 de decembro.
As inscricións poden formalizarse de forma presencial no edificio multiúsos, telemáticamente a través da páxina web www.rois.gal (apartado xestións e trámites) ou por teléfono nos números 981 816 061 (Concello) e 981 804 109 (multiúsos).