21 noviembre, 2025
O Concello de Ribeira pon a disposición das familias a nova edición do Programa Ribeira Concilia, que busca favorecer a compatibilización da vida laboral e persoal durante as vacacións de Nadal. A iniciativa desenvolverase do 22 ao 31 de decembro e do 2 ao 7 de xaneiro, de luns a venres (agás festivos), en horario de 08.30 a 14.30 horas, no Conservatorio Municipal de Música ‘Enrique Paisal’.
O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, sinalou que o cambio de ubicación con respecto aos anos anteriores débese a que este espazo reúne “mellores condicións para o día a día dos cativos durante este período vacacional”, aínda que se seguirá utilizando o pavillón do CEIP O Grupo para actividades deportivas. O programa está pensado para ofrecer á rapazada “opcións de ocio durante as vacacións con contido adaptado a esta época do ano, ademais de favorecer a conciliación das familias”.
Nesta edición ofértanse 75 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, cun prezo de matrícula de 40 euros, ao que se poden aplicar bonificacións para familias que cumpran os requisitos establecidos. Ademais, existe a posibilidade de contratar un servizo complementario de almorzo e xantar, cuxas condicións poden consultarse previamente.
O prazo de preinscrición abrirase o 24 de novembro e permanecerá activo ata o 12 de decembro. As solicitudes poden formalizarse presencialmente no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios ou na Oficina de Atención Cidadá, de 09.00 a 14.00 horas, presentando a ficha de inscrición, a folla de autorización, copia do DNI do participante e do pai/nai/titor, e demais documentación requerida. Tamén se permite tramitar a solicitude de forma telemática na sede electrónica municipal, dentro do apartado de “Trámites destacados” e “Solicitude xenérica”.
As listaxes de admisión, agarda e vacantes publicaranse o 15 de decembro. As persoas admitidas deberán realizar o pago da matrícula do 15 ao 19 de decembro, con ou sen bonificación, mediante autoliquidación, entregando o xustificante no Departamento de Servizos Sociais antes do 19 de decembro.
O Concello ofrece bonificacións do 20% sobre a matrícula para familias que acrediten algunha das seguintes circunstancias: título de familia numerosa, familias monoparentais, familias refuxiadas, vítimas de violencia de xénero, dúas ou máis persoas inscritas no programa, desemprego de longa duración dun membro da familia ou discapacidade do participante dun mínimo do 33%, así como outras cargas relacionadas cos coidados.
Ademais, o 10% das prazas está reservado con bonificación total para casos de emerxencia social, reforzando o compromiso do Concello de Ribeira coa igualdade de oportunidades e a atención ás necesidades máis urxentes das familias.