17 octubre, 2025
Tras a moción de censura celebrada o pasado 13 de outubro, que provocou un relevo na Alcaldía do Concello de Ribeira, o novo equipo de goberno comezou a traballar nas distintas áreas municipais, definindo as delegacións e tenencias de Alcaldía que se levarán ao próximo Pleno.
O organigrama dos 13 concelleiros que integran o executivo local queda configurado do seguinte xeito: a alcaldesa María Sampedro asumirá Urbanismo, Contratación, Seguridade Cidadá e Mobilidade, Unidade de Condutas Aditivas (UCA) e Persoal, aínda que a UCA pasará proximamente ao Servizo Galego de Saúde (Sergas). Ana Isabel Barreiro Rego será responsable de Cultura, Turismo e Igualdade; Alejandro Vidal Álvarez de Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías; Emilio Pérez Outeiras de Limpeza Viaria; Vicente Reiriz Bretal de Auga e Saneamento; Víctor Reiriz Lampón de Medio Ambiente e Iluminación Pública; Ramón J. Doval Sampedro de Relacións Institucionais; Carmen Pérez Gómez de Promoción Económica, Emprego, Consumo e Xuventude; Eladio Muñiz Muñiz de Xestión e Relacións Veciñais no Medio Rural e Benestar Animal; Juana María Brión Santamaría de Educación, Formación e Promoción da Lingua; Vicente Mariño de Bricio de Servizos Sociais, Mercados, Sanidade, Desenvolvemento Industrial e Parques e Xardíns; María Herminia Pouso Maneiro de Economía, Facenda, Vías e Obras; e Fernando Abraldes Pérez de Mar, Promoción do Litoral e Festexos.
Segundo indicaron os representantes municipais en rolda de prensa, esta distribución pretende prestar «especial atención a todos os aspectos que inflúen no día a día da cidadanía coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida». A alcaldesa, María Sampedro, subliñou que o goberno está formado por «trece persoas que adquiriron un compromiso lonxe de ningún acordo escrito. O único acordo foi o total compromiso con Ribeira e coa súa veciñanza».
Pola súa parte, o concelleiro Vicente Mariño destacou a boa dinámica de traballo do novo executivo, asegurando que a cidadanía notará «un cambio para mellor no día a día».
O novo goberno tamén denunciou as coaccións e ataques que sufriron os seus integrantes desde o anuncio da moción de censura. Vicente Mariño relatou que, ademais das críticas nas redes sociais, se produciron increpacións na vía pública, aparecemento de carteis, pancartas e pintadas ofensivas, así como ataques no ámbito persoal nos domicilios dos concelleiros. Por este motivo, Mariño, xunto a Herminia Pouso e Fernando Abraldes, presentou denuncia ante a Policía Nacional o 16 de outubro para esclarecer os responsables.
Mariño cualificou de «moi hostil» o ambiente en Ribeira nos últimos días, sinalando que se está a desenvolver «unha campaña de acoso» con actitudes «difamatorias, con inxurias e ofensivas». Lembrou ademais a actitude do exalcalde Luís Pérez Barral durante o Pleno da moción de censura, cando se referiu ao público para identificar aos concelleiros do PBBI como responsables dunha suposta «traizón». Segundo Mariño, estes actos responden a «unha política orquestada por simpatizantes e afíns ao goberno censurado».
A alcaldesa Sampedro apelou á «paz social» e á unidade de todos os grupos políticos, facendo un chamamento a actuar con «democracia e dignidade» e a ser un exemplo ante a veciñanza. «Ribeira xa pasou esa época de división e confrontación. Temos que abrir un tempo novo: de sumar e non de dividir», concluíu.