18 septiembre, 2024
Mañá, xoves 19 de setembro, ás 23:59 horas, finaliza o prazo para inscribirse na Carreira Pedestre Popular do Pino, que se celebrará este domingo, día 22. Ata o momento, xa son 300 as persoas que confirmaron a súa participación nesta décimo novena edición, que inclúe sete categorías diferentes.
A proba, organizada polo Concello do Pino e supervisada pola Federación Galega de Atletismo, forma parte do X Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. O percorrido para a categoría absoluta será de 8 quilómetros, mentres que os menores de seis anos terán unha distancia adaptada de 340 metros. Poderán participar tanto atletas federados como non federados, e haberá unha única clasificación conxunta.
As inscricións están abertas a través da web oficial, carreirasgalegas.com, no seguinte enlace: https://shre.ink/gVYN. A recollida de dorsais farase na secretaría técnica, situada na praza de Forcarei, ata 30 minutos antes do inicio da proba.
A saída da categoría absoluta (maiores de 18 anos) está programada para as 10:00 horas, mentres que as seguintes categorías irán saíndo de maneira consecutiva ata que, ás 12:10 horas, comecen os menores de seis anos.
O Concello entregará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría, agás na categoría sub-6, onde non haberá clasificación nin premios. Ademais, haberá trofeos para o primeiro e a primeira atleta local empadroado no Pino nas categorías escolares (Sub-8 a Sub-18). Os trofeos non serán acumulativos, salvo os correspondentes aos e ás atletas locais. As categorías escolares (Sub-6 a Sub-12) recibirán tamén medallas por participar.
Por outra banda, para os clubs federados, haberá premios en metálico de 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina.