13 septiembre, 2024
O Concello de Arzúa anuncia a apertura do prazo de inscrición para o curso 2024/2025 das súas actividades deportivas e culturais, un programa que ano tras ano conta cunha elevada participación da veciñanza e se consolida como unha oferta clave no fomento do lecer saudable e inclusivo. Este ano espérase repetir ou mellorar os datos de inscrición das edicións anteriores, tras trasladar á veciñanza a boa repercusión que este tipo de actividades teñen na mellora do seu día a día.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou a importancia deste programa para mellorar a calidade de vida da poboación: “O deporte e as actividades culturais son fundamentais non só para manter unha boa saúde física, senón tamén para garantir unha vellez digna e para loitar contra o sedentarismo. Entendemos o acceso ao deporte e á cultura como un dereito de todas as arzuás e arzuáns, e por iso traballamos para que este tipo de actividades sexan accesibles para toda a veciñanza.”
Entre as actividades dispoñibles están:
Ximnasia de mantemento, dirixida a persoas maiores de 60 anos.
Ioga e zumba, con prezos reducidos para maiores de 60 anos.
Tenis e patinaxe, para crianzas e adultos.
Danza moderna, dispoñible para nenos e nenas a partir de 5 anos.
Pintura, para idades a partir de 5 anos.
Bailes afrolatinos, para adultos.
Club de lectura, para maiores de 18 anos.
O prazo de inscrición ábrese en dúas fases: o ordinario, que terá lugar do 19 ao 29 de setembro, e o extraordinario, que se estenderá do 2 ao 27 de outubro. As inscricións poderán realizarse nas oficinas municipais ou a través da páxina web oficial do Concello de Arzúa e os prezos varían segundo a edade .
O alcalde tamén engadiu que “estas actividades non só contribúen a mellorar a saúde física, senón que crean espazos de socialización, promovendo a convivencia e o benestar emocional da veciñanza. O noso obxectivo é que ninguén quede fóra deste tipo de lecer, asegurando que sexa inclusivo e accesible para todas as persoas.”
Con este novo curso, o Concello de Arzúa reafirma o seu compromiso con mellorar a vida da xente a través da creación de servizos públicos de calidade e accesibles para toda a veciñanza, garantindo así que o lecer, o deporte e a cultura sexan dereitos reais da poboación.