3 noviembre, 2025
Begoña Blanco, concelleira de Cultura, dá a coñecer a programación para este mes de novembro, que destaca por ser ampla e variada, marcada polas actividades ao redor da Bienal Pintor Laxeiro “Paisaxes e Sombras”, os concertos de Santa Cecilia e as actividades de igualdade polo 25N contra a violencia de xénero, entre outra serie de actividades entre as que se atopan a presentación de libros, espectáculos, programación de cine en galego, saídas culturais e obradoiros.
A actividade central sobre a Bienal Pintor Laxeiro será o venres, 7 de novembro, coa mesa redonda e presentación do catálogo oficial da XVII Bienal. Dará comezo ás 19 horas coa mesa redonda na que tomará parte o comisario Manuel Quintana Martelo, o director do MARCO de Vigo Miguel Fernández-Cid e unha das artistas participantes na XVII Bienal, Mónica Alonso. Esta mesa redonda é un encontro idóneo para descubrir de primeira man o proceso creativo, e o contexto teórico que dá forma a esta edición. Ás 20 h está prevista a presentación do catálogo. A entrada é aberta ao público, ata completar aforo, podendo levar cada unidade familiar asistente ao acto, un exemplar do catálogo.
Ademais, todos os sábados ás 12.30 horas terán lugar visitas guiadas abertas ao público, os sábados 8, 15, 22 e 29. Tamén haberá visitas grupais e obradoiros didácticos de martes a venres, sempre con reserva previa.
O sábado 8 de novembro ás 12 h presentarase na Casa do Patrón en Doade o libro “Plantas medicinais e remedios curativos da etnobotánica galega”, de autoría de Rafael Quintía e Pilar Silva. Ese mesmo día, 8 de novembro, con dobre pase ás 17 e á 19 h, terá lugar no Salón Teatro o espectáculo “Las Divas del K-Pop”, que fusiona música en directo, narrativa e coreografías explosivas, que combina o formato de concerto e teatro musical. Trátase dun show para todos os públicos, con especial conexión coa mocidade e fans do K-pop. Para asistir hai que adquirir as entradas en ticketrona.com.
O domingo 9 ás 18 h dentro de Un Lalín de cine proxectarase en galego e de xeito gratuíto Wallace e Gromit no Salón Teatro. Wallace e Gromit: A vinganza sérvese con plumas. Un Lalín de cine é un programa que ofrece aos lalinenses a posibilidade de ver cinema en galego e de balde no Salón Teatro (Auditorio de Lalín), da man da proxección de sete filmes entre finais de outubro e comezos de decembro. A entrada é libre ata completar aforo
Sinopse do filme: Gromit está preocupado polo feito de que Wallace se volve demasiado dependente dos seus inventos, o que resulta xustificado cando Wallace inventa un “gnomo intelixente” que parece desenvolver unha mente propia. A medida que os acontecementos se descontrolan, Gromit ten que deixar de lado os seus reparos e loitar contra forzas sinistras… ou Wallace non poderá volver inventar nunca máis. Dirección: Nick Park, Merlin Crossingham, dobrada ao galego, con duración de 78 minutos. Idade: maiores de 7 anos.
O luns 10 de novembro terá lugar a presentación da campaña de prevención da violencia de xénero, ás 11 h no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero.
O sábado 15 de novembro terá lugar dentro das actividades do Seminario de Estudos de Deza (SED) unha saída cultural a Mondoñedo. Durará toda a xornada con saída ás 9 horas e volta ás 21 horas. A saída cultural incluirá un roteiro polo Mondoñedo literario a cargo de Armando Requeixo, escritor, crítico literario, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, profesor da USC e coordinador de publicacións e de actividades da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro”.
De acordo ao programa elaborado por Requeixo, a xornada de mañá (12.00 a 14.15 h) inclúe unha visita guiada polas rúas da vila, aos principais enclaves cunqueirianos con remate na Casa-Museo Álvaro Cunqueiro e saúdo institucional da Corporación Municipal durante o transcurso da visita. O xantar (14.30 a 16.30) terá lugar no Seminario de Santa Catarina; e a xornada de tarde (16.30 a 19 h) abranguerá unha xornada ao Museo da Imprenta, á Ponte do Pasatempo e ao cemiterio vello para despedirnos cabo da campa do escritor. Se se dispuxese de suficiente tempo, tamén está previsto visitar a Catedral e a Biblioteca.
O domingo 16 de novembro ás 18 h terá lugar a proxección de Rapa, xente ao monte, no Salón Teatro, dentro de Un Lalín de cine.
Sinopse: O cabalo galego de monte está a desaparecer, só unhas poucas bestas resisten acosadas polos cuatreiros, os lobos… e agora tamén polos parques eólicos. Ao seu carón, a pequena aldea de Sabucedo preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Unha vez ao ano a aldea celebra a “Rapa das Bestas” e 15.000 persoas acoden a presenciar o atávico, os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Cando todos marchan, ninguén ve a realidade detrás da Rapa: cada ano hai menos bestas no monte e –coma nun espello– menos xente na aldea. Ano: 2024. Duración: 115 min. Xénero: documental. Idade: maiores 7 anos.
O luns 17 de novembro ás 18 h terá lugar a charla de Noelia Moreau, educadora social, sexóloga e axente de igualdade de xénero, no edificio sociocultural sobre “PorNo(n). Educar”.
Os mércores 19 e 26 de novembro terá lugar o obradoiro de cerámica e lingua “Creando linguaxe de barro” ás 18 horas e ata ás 19.30 h no Auditorio Municipal.
Este obradoiro, que combina arte e lingua, forma parte do programa Ronsel Lalín, que inclúe actividades ao redor das figuras culturais homenaxeadas en 2025, programa que conta cunha subvención do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra para accións de dinamización da lingua galega.
O sábado 22 de novembro ás 18 h no vestíbulo do Concello terá lugar Arte-Acción contra a Violencia de Xénero.
O domingo 23 de novembro terá lugar a proxección de “A galiña turuleca”, dentro de Un Lalín de cine. Ás 18 h no Salón Teatro.
Sinopse: Turuleca é unha galiña singular. O seu peculiar aspecto e a súa imposibilidade para poñer ovos desata as burlas do resto do galiñeiro, ata que un día, Isabel, unha exprofesora de música, lévaa a vivir á súa granxa. Alí, feliz e en harmonía, a galiña descobre o seu gran talento oculto: “Turu” non só pode falar, senón que canta como xamais oíches cantar a unha galiña! Duración: 79’.Idade: Para todos os públicos e especialmente recomendada para a infancia.
Concertos de Santa Cecilia
Novembro é o mes da patroa dos músicos e por iso, como é tradicional, desenvolveranse os concertos das bandas en honor a Santa Cecilia, de acordo á seguinte programación:
O martes, 25 de novembro terá lugar a concentración de repulsa contra as violencias machistas, ás 12h no vestíbulo do Concello.
O venres 28 de novembro desenvolverase o monólogo “A síndrome de Lis”, escrito e dirixido por Diana López e interpretado por Rocío Barrio. Ás 21 h no Salón Teatro, con entrada libre ata completar aforo.
O 30 de novembro remata o mes con “O monstro mariño”, dentro de Un Lalín de Cine, ás 18 h no Salón Teatro.
Sinopse: Un lendario cazador de monstros mariños emprenderá unha viaxe épica a través de mares inexplorados. Durante a travesía, o cazador atopará unha polisón moi particular. Unha nena que está disposta a demostrar que, o monstro mariño non é para nada unha ameaza a non ser que o provoquen ou se sinta ameazado. Año: 2022 Xénero: animación Duración: 115’. Música: Mark Mancina
Baile os domingos
Ademais todos os domingos (2, 9, 16, 23 e 30 de novembro), promovido pola Concellería de Envellecemento Activo, haberá baile baixo o programa “A idade de ouro en movemento”, ás 18 h no Centro Comercial Pontiñas, dentro do convenio de colaboración do Concello coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o financiamento do Programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2025. Unha iniciativa que ten como finalidade crear espazos de esparexemento dirixidos a persoas co fin de promover un envellecemento saudable.
Ciclo Cultural de Cercio
Tamén durante o mes de novembro se desenvolve todo o Ciclo Cultural de Cercio:
No mes de xuño de 1982 o Parlamento de Galicia trasladouse provisionalmente ao Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Parte das dependencias administrativas continuaron nos baixos do Pazo de Raxoi, cedidos polo Concello de Santiago de Compostela. En Fonseca, o Lexislativo galego estivo instalado entre xuño de 1982 e febreiro de 1989. Na foto, unha sesión no Parlamento. Fotos: AG e PG