Na organización desta proba colaboran os clubs de atletismo de Ames: club de atletismo Sar, club de atletismo MillaRaio, e club Ames Atletismo; así como o club ciclista Os Esfola Arrós
17 octubre, 2025
O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan este domingo, 19 de outubro, a XXIV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, unha proba que pertence ao XI Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Paralelamente a esta competición celebrarase o campionato de España de 5 quilómetros en ruta máster. Conta cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo, nas distancias de 5 e 10 quilómetros, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro.
Na carreira popular poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Os e as participantes do Campionato de España deben estar en posesión da licenza nacional correspondente en vigor. Na organización desta proba colaboran os clubs de atletismo de Ames: club de atletismo Sar, club de atletismo MillaRaio, e club Ames Atletismo; así como o club ciclista Os Esfola Arrós.
Participación e retirada de dorsais
Nesta edición hai inscritas 1.219 persoas na proba popular (arredor de 430 nas categorías absoluta e sub-18, mentres que nas categorías escolares hai 789 rapaces e rapazas inscritos). Ademais, no campionato de España máster 5K hai inscritos/as 240 atletas. Non se admiten inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Deste xeito, preto de 1.500 corredores daranse cita este domingo en Bertamiráns, unha cifra de participación que se pode dicir que é das máis altas dos preto de 25 anos de vida desta carreira pedestre popular. Os horarios das diferentes probas poden consultarse premendo nesta ligazón.
A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun dorsal-chip que se lle entregará a cada corredor/a. Os e as participantes que cheguen á meta sen este elemento ou que o leven colocado de xeito incorrecto descualificaranse automaticamente segundo criterio do xuíz árbitro da competición.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello (praza do Concello número 2, en Bertamiráns) o día anterior á carreira (sábado, 18 de outubro en horario das 17:00 ás 20:00 horas) ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para evitar colas, recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido.
Día Mundial contra o Cancro de Mama
Con motivo da celebración desta proba deportiva o Concello de Ames colabora coa delegación de Ames da Asociación Española Contra o Cancro, para a conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama que se celebra este domingo 19 de outubro. Debido a isto vaise a colocar unha pancarta e darase información sobre este tipo de cancro. O obxectivo principal deste día é concienciar á poboación sobre a importancia da prevención, a detección temperá e o acceso a diagnósticos e tratamentos oportunos. Anímase á veciñanza que participe na carreira ou acuda como espectador a que vai con prendas ou outras cousas de cor rosa como poden ser unha pulseira, unha gorra, un globo, etc.
Premios e trofeos
Recibirán un trofeo as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría establecida no regulamento e tamén as tres primeiras clasificadas da proba absoluta. Na proba absoluta recibirán un trofeo local as tres primeiras persoas clasificadas empadroadas no Concello de Ames. Ademais, a ganadora e o ganador locais, tanto feminino como masculino, obterán un abono trimestral no Centro Deportivo Municipal A Telleira de Bertamiráns.
Tamén recibirán un trofeo os tres primeiros clubs da carreira absoluta. Os premios non serán acumulativos, de xeito que ningún corredor ou corredora poderá recibir dous trofeos (agás os premios aos/ás atletas locais). Non haberá premios nin trofeos para as crianzas participantes das categorías prebenxamín e pitufo. Nestas categorías entregaráselle unha medalla de chocolate a cada participante.
Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta 10K o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados da proba absoluta 10 K o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.
A clasificación de clubs establecerase a través das 10 primeiras persoas clasificadas do club, sexan homes ou mulleres, mediante a suma dos seus postos. Os clubs deberán estar compostos, como mínimo, por 10 compoñentes que crucen a liña de meta e que teñan a licenza federativa en vigor.
Cortes e prohibicións de tráfico
O día do evento, domingo 19 de outubro, quedará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo desde as 00:00 horas ata as 15:00 horas. Ademais, haberá cortes de tráfico en diversas rúas e aldeas polas que transcorre a carreira de 08:00 horas a 15:00 horas. Os lugares afectados son a rúa Alcalde Lorenzo, A Condomiña (estrada DP-0205 ata rotonda do Agro do Muíño) quedando afectadas todas as vías de acceso a ese tramo, Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras. Recoméndase evitar esas vías e acceder a través da AG-46 ou a AC-300 (Os Ánxeles-Picaraña) cara a Padrón. Premendo nesta ligazón pódese descargar dito aviso.
No mes de xuño de 1982 o Parlamento de Galicia trasladouse provisionalmente ao Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago de Compostela. Parte das dependencias administrativas continuaron nos baixos do Pazo de Raxoi, cedidos polo Concello de Santiago de Compostela. En Fonseca, o Lexislativo galego estivo instalado entre xuño de 1982 e febreiro de 1989. Na foto, unha sesión no Parlamento. Fotos: AG e PG