11 abril, 2024
A praza do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación dunha nova camiñada teatralizada, a cargo dos Quinquilláns, que se vai a realizar o vindeiro sábado, 13 de abril, polas Fragas do Tambre. Esta actividade, que se desenvolverá en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas, arranca na aldea de Oca e discorre pola capela do Corpiño e por preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens.
O segredo das Fragas do Tambre é a nova camiñada que se organiza despois do éxito de participación que tiveron as camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña, organizadas durante o último trimestre de 2023, incluídas dentro da programación de outono da Aula da Natureza. Nos próximos meses está previsto facer dúas camiñadas máis por esta mesma ruta. As datas das outras dúas camiñadas anunciaranse proximamente.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, destaou que “son as segundas camiñadas teatralizadas que se organizan tras as feitas polo rego da Andoriña. Neste caso é unha ruta cun percorrido máis sinxelo con dificultade baixa e catro quilómetros de percorrido. A dinámica da actividade é a mesma que no caso anterior. Desta volta, remata no Pazo de Lens onde se poderá visitar os seus xardíns e unha das camelias máis senlleiras de Europa. Debido ás choivas das últimas semana, achegarémonos ata o río Tambre, pero despois a ruta vaise facer por un tramo seco polo que non vai haber ningún tipo de dificultade para poder camiñar”.
A técnica de Medio Ambiente e coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, destaca que “este sábado temos a primeira das camiñadas teatralizadas pola ruta do Tambre; o pasado outono foi polo rego da Andoriña e desta volta toca percorrer desde Oca ata Lens. De novo, faremos paradas onde os Quinquilláns explicarán algunha formas de vida ou anécdotas deste percorrido. Temos tamén a sorte de poder visitar o Pazo de Lens, que é onde remata a ruta, onde está unha das principais camelias de Europa. Para inscribirse, haberá que mandar un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal”.