José Rodríguez González, o Matemático Rodríguez terá protagonismo na programación cultural de outubro cunha conferencia que ofrecerán o profesor José Ángel Docobo e a investigadora Carmen Villanueva, autora dunha tese sobre o ilustre lalinense e “Científico Galego do Ano” o vindeiro xoves 10 de outubro no marco das Xornadas Conmemorativas do Seminario de Estudos de Deza (SED) dedicadas a persoeiros ilustres da historia de Deza. Será ás 21 horas no Museo Municipal con asistencia libre.
Carmen Villanueva presentará as partes máis interesantes e novidosas da súa tese de doutoramento sobre a figura persoal, científica e política do Matemático de Bermés, facendo especial fincapé en aspectos da súa biografía que eran descoñecidos ata a realización da mesma. Dirixida polo profesor José Ángel Docobo Durántez foi defendida na Universidade de Vigo en decembro de 2023.
Na súa intervención o profesor Docobo á parte de facer énfase nas distintas personalidades científicas coas que Rodríguez tivo un contacto directo, falará tamén sobre o estado da astronomía na época de Rodríguez e mesmo presentará en primicia unhas láminas encargadas a expertos debuxantes sobre José Rodríguez en diferentes escenarios da súa curta pero intensa vida.
As corais destacarán coa súa presenza en outubro, cun concerto de corais organizado pola Coral de Botos o sábado 5 de outubro, ás 18 horas, na igrexa da parroquial e tamén co IV Festival de Outono da Coral de Lalín no Salón Teatro o sábado 19 de outubro ás 18 horas.
Outubro será un “Mes da Biblioteca e da Lectura” e desenvolveranse diversas actividades de dinamización lectora, ademais do programa Bibliotecario por un día e da actividade Maletas Viaxeiras. O mércores 9 de outubro ás 18 horas terá luar a actividade de dinamización lectoral “Xela, a superheroína da aldea” e o mércores 23 á mesma hora “Os contos do avó, mulleres galegas”.
“Xela, a superheroína da aldea” é un conto dirixido a público de 4 a 9 anos e “Os contos do avó, mulleres galegas” destinado a público de 3 a 12 anos é unha historia que trata sobre un avó viaxeiro que achega lendas e historias sobre mulleres da nosa terra.
Exposicións
Durante o mes de outubro e ata o 13 de novembro pódese ver a exposición de “Wily, sempre Wily” no Museo Municipal, e a mostra permanente de Laxeiro. Ademais de todas as exposicións que hai no Pazo de Liñares: Colección A. Chaves do Museo Galego do Xoguete; Colección do Museo Galego da Marioneta; Sala Hilgen e Sala do aviador Joaquín Loriga. Indicar que de aquí a final de ano o Museo Municipal Ramón Mª Aller acollerá unha exposición “José Rodríguez. O Matemático de Bermés” (do 22 de novembro ao 13 de decembro) e a XVI Xuntanza Internacional de Piloño (do 20 de decembro ao 20 de xaneiro).