A proposta contará con preto dunha trintena de espectáculos e actividades durante a época estival, gratuítas e abertas a toda a cidadanía, e para as cales contouse coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, ou da Xunta de Galicia a través de programas como Cultura no Camiño.
O programa deste ano reúne concertos, actuacións cómicas, novo circo, exposicións, cine ao aire libre, contacontos, maxia, danza contemporánea e un longo etcétera, que chegarán non só a Ribeira senón tamén a distintos lugares das parroquias do municipio.
As accións comezarán o vindeiro sábado 6 de xullo: a media mañá inaugurarase Centro Cultural Lustres Rivas da exposición “Ayaso Único. Retrospectiva dun xenio”, unha mostra en lembranza do noso fillo predilecto un ano despois do seu falecemento e que nos permite explorar a auténtica orixinalidade do seu estilo e do seu simbolismo, combinando pezas da súa época de estudante ata practicamente a actualidade deixando de manifesto as distintas técnicas por el traballadas, dende a figuración, o muralismo, o gravado ou o debuxo ata a súa adorada punta de prata.
Estamos tamén preparando, en colaboración coa ReI da Dorna, unha exposición fotográfica sobre a festa máis senlleira de Ribeira, que se situará ao ar libre na praza de España; inaugurarase o venres 12 de xullo ás 13:00 h e permanecerá ata finais de mes.
E na tarde do sábado acolleremos unha das actuacións inaugurais do novo auditorio, a xa anunciada Gala de Novo Circo Galego, que terá lugar ás oito da tarde con recollida de entradas dende unha hora antes nas instalacións.
Nesta gala, que estará presentada pola artista e influencer Corina Mañá, actuarán a compañía Desastrounauts, o malabarista Isla Le Triska e os artistas cómicos Fran Rei e Félix Rodríguez.
Ao día seguinte, domingo 7 de xullo, serán as entidades Alfaia e a Orquestra Sons as protagonistas, con sendas actuacións, a de Alfaia co seu festival de baile moderno, e a orquestra Sons cun concerto benéfico para recaudar fondos para a asociación ágape.
Neste verán tampouco nos esquecemos do cine ao aire libre, que nesta ocasión se fará en Corrubedo, no aparcadoiro grande, o venres 12 de xullo e onde se proxectará o filme familiar de producción galega “Salta” ás dez e media da noite.
As disciplinas de circo, acrobacias, maxia e monicreques tamén terán o seu oco neste programa coas actuacións para o público familiar na Praza de Porta do Sol da compañía Inventi teatro, o mago Charlangas, Títeres Cachirulo, Enricco O feiticeiro, a compañía Pedras de Cartón co seu espectáculo sobre Moby Dick, ou o mago Joshua Kenneth.
Teremos tamén moita música e danza nesta programación, xa comentamos o festival de Alfaia, pero tamén terá lugar a gala do 21 aniversario de El Tomasón, o festival Salsa na Rúa, o concerto do coro Airiños da Casa de Galicia en Nova Iorque xunto coas Cantareiras de Amas de Casa (que actuará o 25 de xullo- día de Galicia), ou o novo espectáculo de danza da compañía de Fran Sieira titulado “Ceibe” e que se fará no novo auditorio municipal o día 30 de agosto. E non faltará tampouco a terceira edición da feira do vinilo prevista para o 10 de agosto.
Xa en setembro contaremos coa terceira edición do festival Etal Equal impulsado pola asociación Ribeira Crea, cunha nova edición da exposición colectiva Camiño da Arte ademais da Ruada do traxe tradicional de Aires de Dorna e unha nova edición da exposición colectiva Camiño da Arte.
Estas son só algunhas das accións que recolle este programa “Lecer na Ribeira” que se poderá consultar na web municipal e nas redes sociais así como nun cadríptico que editamos dende a área de Cultura e que distribuiremos polas oficinas de turismo, centro cultural Lustres Rivas e outros lugares destacados. Ademais poderase ir completando con outros eventos e espectáculos que se irán anunciando no seu momento.
Polo tanto, penso que temos por diante un interesante conxunto de actividades e propostas culturais variadas, para todos os gustos e todos os públicos, que preparamos con moito esforzo e que agardamos sexa ben acollido por todas e todos