Hai uns días déronse cita para a súa presentación, o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, o secretario do Club Sotavento, Héctor Costa, José Ayer e Fernando Quintela, membros do club.
Héctor Costa informou que a sede social do club está en Pontevedra e que en Ribeira e na contorna hai unha cantidade importante de asociados. Tamén quixo agradecer ao Concello de Ribeira pola súa colaboración continua, que xa ven de lonxe, noutros campionatos e en exposicións de fotografía submarina.
Localización na praia de Río Azor
O campionato vaise desenvolver na praia de Río Azor, na que xa no ano 2017 se celebrara o Campionato Nacional Absoluto, “é unha zona moi tranquila con moita biodiversidade e cunha gran variedade de peixes, unha localización ideal para que os cativos comezan a meterse na auga e coñecer o fondo mariño” asegurou Costa e engadiu “creo que é a única maneira de aprender ao mesmo tempo a respectar o que temos baixo o mar”.
Campionato Familiar
Os nenos/as menores de 16 son os que poden participar nesta disciplina. A diferenza cun campionato absoluto é que no familiar están obrigados a participar cun adulto e tamén a proba non é puntuable, simplemente creouse para dar a coñecer este deporte e para dar a oportunidade aos máis pequenos a adentarse nel, “ temos afán de continuidade e a intención de facer novas edicións no mesmo espazo e no mesmo mes” remarcou Héctor Costa.
O concelleiro de Deportes agradeceu a Protección Civil a colaboración para este evento no que estará presente cunha zodiac o día do campionato. “Quixemos dar continuidade a este torneo ao ser unha actividade lúdico-deportiva que se desenvolve no medio mariño, e dende o concello queremos promover tódalas actividades ligadas ao mar” engadiu Xabier.
Finalmente animou a participar a toda a rapazada, xa que as inscricións están pechadas, pódese facer a inscrición na mesma praia, segundo sinalaron; e no caso de non ter os aparellos para as fotos, a organización llos facilitarán.
Día e hora: sábado 24 ás 10:30 h
Lugar: praia de Río Azor (Palmeira)