Ao acto de presentación acudiu, o rexedor, Luís Pérez, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, o vogal da asociación, Andrés González, Aurora Gómez e Ángela Gude, representantes da asociación.
Andrés González debullou a extensa programación na que destacou a presencia dun espectáculo de “Stunt» con “Ricardo Arrepiado Team Stuntrider» (dúas motos e un coche) na que fará acrobacias espectaculares; haberá dous pases o sábado 5. Tamén teremos a modalidade de “Backflip” (saltos mortais cara atrás) “que nesta zona e a nivel de Galicia nunca se viu” sinalou Andrés; o espectáculo será a cargo de Pedro Torres e Marco Carvalho.
Haberá “freestyle”, sesión vermú con música jazz, DJ´s, rutas moto-turísticas, xogos moteros, ruta nocturna con fachos, “Circo del Fuego”, e Macro-Festival con tráiler entre outros eventos. Tamén agradeceu a colaboración do concello e demais patrocinadores da concentración.
“Esta concentración cada ano vai a máis, xa é un referente dentro de Galicia e en toda a península no referente ás concentracións moteras e dende o concello dámoslle os parabéns por adiantado polo éxito que vai a ser esta sexta edición” afirmou Suárez-Puerta.
O rexedor Pérez Barral resaltou as sinerxías da organización co tecido local, polo número de patrocinadores e o carácter desestacional do evento e engadiu “mostramos o noso agradecemento a “Reventapistóns” por organizar a concentración en Ribeira e queremos seguir promovendo este tipo de actividades para que as persoas podan ter unha alternativa de ocio en datas de pouca afluencia e comercio local se beneficie da actividade”.
Dende a organización nos informan que inauguraron páxina web https://www.osreventapistons.com e aclararon “hai 200 prazas para as inscricións que son para comer conxuntamente, pero de participantes só o ano pasado, contamos con 8.000 ou 9.000 motos, esperamos superar ese número”