Deste xeito estamos ante a mostra de teatro de Ribeira máis longa da súa historia, cunha duración de trece semanas que van do 20 de setembro ao 20 de decembro, tendo lugar todos os venres ás 21:15 h, excepto o xoves 5 de decembro por ter lugar ao día seguinte un festivo.
A concelleira afirmou que o principal obxectivo que pretendemos acadar con esta programación é o de achegar aos nosos veciños e veciñas unha completa escolma de espectáculos que poñen en valor as creacións artísticas das compañías e grupos galegos e que ao mesmo tempo sexa un escaparate das propostas máis recentes de cada unha delas, facendo accesible as artes escénicas á poboación sen necesidade de ter que trasladarse ás grandes capitais. Ademais nesta edición abriremos a mostra a propostas de ámbito internacional como será o 13 de decembro co espectáculo “Yo Mussolini” do clown italiano Leo Bassi.
A intención é ir innovando cada ano e ademais de traer propostas estatais e internacionais ademais de galegas, facer estreas a través de residencias previas, participación en producións de distintas compañías e dese xeito ir introducindo a Ribeira no mundo da arte dramática e non só a arte dramática en Ribeira como sucedía ata agora.
Un equipamento como o novo auditorio municipal ten que servir tamén para artellar outro tipo de propostas escénicas de interese para a veciñanza pero tamén para o resto do sector cultural de forma que as compañías, artistas, produtoras e distribuídoras se interesen por Ribeira á hora de poñer en marcha as súas propostas e espectáculos e ese é o camiño que estamos a facer.
As funcións están todas recomendadas para maiores de 16 anos, o que non significa que sexan excluíntes para menores desa idade, pero cada quen terá que determinar si unha peza é axeitada ou non para un tipo de público ou idade xa que pode haber certas propostas axeitadas para rapazada de 14 ou 15 anos si así o consideran as súas familias.
Os espectáculos seleccionados son dos mellores que existen neste momento na nosa comunidade, con obras de compañías profesionais de recoñecido prestixio como Redrum, Talía, Tarabela, Contraprodución, Culturactiva ou Sarabela e outras que veñen por primeira vez a Ribeira como Serea, Verdeveras ou Fulano, Mengano e Citano; tamén a calidade dos actores e actrices é dunha traxectoria destacada dos que non quero citar ningún porque todas e todos son importantes.
Tivemos tamén en conta nesta selección o xénero teatral para facer unha escolma do que se está a producir no País, dende obras máis reivindicativas, de temática social ata misterio, drama e variedade de comedias que van dende o absurdo, ao enredo pasando polo romántico e o vangardista.
Así pois a mostra comezará o día 20 de setembro co espectáculo “Criaturas” do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira baixo a dirección de Oscar Romero e que foi estreada o pasado decembro na nosa cidade pero que incorpora algún novo sketch; esta función será de balde podendo recoller a entrada dende unha hora antes no propio auditorio e ata un máximo de dúas por persoa, xa que 200 serán entregadas aos integrantes do grupo municipal quedando dispoñible 278 (que é o aforo do auditorio vello) para o resto do público que queira asistir.
Indicar que seguindo a liña das anteriores edicións poderase adquirir un BONO por importe de 35 € e que dará dereito a asistir a todas ás doce funcións da mostra a excepción da obra do Grupo Municipal de Teatro, tamén se poderán adquirir entradas individuais para cada espectáculo por un custo de 4,95 € pero a novidade é que ademais de adquirirse de xeito presencial na OAC da Casa do Concello (antigo auditorio) de 09:30 a 14:00 h, tamén se poderá adquirir en calquera momento e comodamente por internet a través de Ataquilla de Abanca entrando en “Ribeira+auditorio+mostra ou espectáculo a escoller” e mercala con tarxeta bancaria, bizum ou os medios que Ataquilla ten dispoñibles.
Naturalmente activarase Ataquilla a partir do mesmo día e mesma hora na que empece a venda presencial na OAC, que será o vindeiro luns 9 de setembro ás 09:30 h (con Paco). A estes prezos que son os que pon o concello, engadirase un gasto de xestión que pon Abanca (como en todas as entradas que venden eles) que serán de 50 céntimos por entrada ou 3,50 € polo bono saíndo en 5,45 € a entrada para cada espectáculo ou 38,50 € o BONO para a totalidade da MOSTRA.
A entrada ou bono dará dereito á reserva da butaca seleccionada polo espectador e ao goce da función para a que foi expedida perdendo validez unha vez comezada a obra e pechadas as portas do salón de actos. Deberá levarse sempre ou no móbil ou impresa xa que para poder entrar o persoal do auditorio deberá ler o QR correspondente, que figura na entrada ou bono, cos datófonos que teremos no auditorio, si non se leva BONO ou entrada non se poderá acceder perdendo a validez do mesmo para esa función e non tendo dereito ao reintegro do importe.
Como é habitual a asignación das butacas poderase escoller por parte do espectador/a, no momento da adquisición do bono ou entrada, sobre plano e mentres haxa dispoñibilidade tanto por internet como de xeito presencial pero tendo en conta que ao venderse polos dous medios a dispoñibilidade irá a menos a medida que as butacas se vaian ocupando.
Calendario da mostra con día, título do espectáculo e compañía:
CRIATURAS Grupo Municipal De Teatro de Ribeira 20 desetembro
“VAS RIR. CABARET CLIMÁTICO” Culturactiva 27 de setembro
“O DRAGÓN DE OURO” Sarabela Teatro 4 de outubro “TOP MANTA” Compañía Fulano, Mengano e Citano 11 de outubro
“UNHA INIMIGA DO POBO” Talía Teatro 18 de outubro
“ENTREGA EN MAN” Contraproducións 25 de outubro
“AS FORMAS DO AMOR” Verdeveras Expresións Artísticas 8 de novembro
“MÁIS SAAABOR” Culturactiva 15 de novembro
“BOA SORTE, MALA FAMA” Tarabela Creativa 22 de novembro
“Á LUZ DO DÍA” Serea Teatro 29 de novembro
“HAMELIN” Redrum teatro 5 de decembro
“LEO BASSI: YO MUSSOLINI” Culturactiva 13 de decembro
“D.E.P.” Malasombra Producións 20 dedecembro