30 octubre, 2024
O proxecto de mellora da praia e reurbanización do bordo do porto de Porto do Son, obra dos estudios galegos Creus e Carrasco (da Coruña) e RVR Arquitectos (de Santiago) e promovida por Portos de Galicia e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Concello Porto do Son, recibe o ‘Premio Europeo del Espacio Público Urbano 2024’ na categoría de frontes marítimas, galardóns convocados polo Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB). A cerimonia de entrega da 12ª edición dos premios celebrouse onte no CCCB. Esta categoría incorporouse nesta edición ao certame para poñer en valor o papel das cidades costeiras fronte aos fenómenos climáticos extremos e forma parte da Regata Cultural, programa de actividades impulsado polo Ayuntamiento de Barcelona para acompañar a celebración da Copa América de Vela na cidade.
O xurado internacional destacou a dobre finalidade da obra de “renaturalizar o paseo marítimo con dunas que protexen un parque existente e reconstruír a relación entre as actividades portuarias e a comunidade local”. Sinalou que o proxecto soluciona a mala convivencia existente entre as actividades portuarias e urbanas de Porto do Son e favorece o contacto directo entre a cidade e o mar. Neste senso, valorou positivamente a atrevida e mesmo radical decisión do proxecto de preservar a antiga muralla que protexe a cidade dun mar especialmente axitado, situando as novas instalacións no reverso que aportarán nova vida urbana a un espazo que antes estaba reservado exclusivamente ás instalacións portuarias.
Os membros do xurado aplaudiron especialmente o feito de que o proxecto demostre unha profunda comprensión dos problemas que aborda, mesmo a necesidade de protexer e integrar a arquitectura e as defensas fronte ao mar; a urxencia de garantir o acceso á auga para todos os membros da comunidade conectando ao máximo esta experiencia co tecido urbano; a necesitada de dotar de infraestruturas que melloren o uso do paseo marítimo por parte dos peóns e a importancia de salvagardar e restaurar os sistemas naturais nunha situación de urbanización e cambio climático. O xurado considerou que este enfoque xestiónase con honestidade, coidado e experiencia arquitectónica exhaustiva, dando como resultado un deseño que responde ás necesidades urbanas e é respectuoso coos sistemas naturais.
Tamén o xurado internacional concedeu o ‘Premio Europeo del Espacio Público Urbano 2024’ na categoría xeral ao parque na Colina del Levantamiento de Varsovia, obra dos estudios topoScape e Archigrest.
A 12ª edición do ‘Premio Europeo del Espacio Público Urbano’ contou coa participación dun total de 297 proxectos, correspondentes a 35 países europeos. O pasado mes de xuño o xurado escolleu un total de 10 obras finalistas, 5 para cada categoría. Ademais desta selección, o xurado escolleu 20 proxectos máis dos presentados á categoría xeral que, pola gran calidade, pasarán tamén a formar parte do arquivo dixital do premio, o catálogo e a exposición itinerante desta edición.
As obras finalistas da categoría xeral son:
Paseo da Boca da Mina. Reus, España. Batlleiroig.
Sete intervencións en Monte. Castel San Pietro, Suiza. StudioSer.
Palacio de exposicións. Charleroi, Bélgica. AgwA e architecten jan de vylder inge vinck.
Bosque urbano.Tbilisi, Georgia. Ruderal.
As obras finalistas da categoría frontes marítimas:
Reurbanización dos baños Dún Laoghaire. Dublin, Irlanda. DLR Architects’ Department, A2 Architects.
Paseo marítimo. Palamós, España. Estudi Martí Franch Arquitectura del Paisatge, Ardevol Consultors Associats.
Parque marítimo. Rímini, Italia. Benedetta Tagliabue – EMBT Architects.
Bulevar da praia. Delfzijl, Países Bajos. LAOS landscape urbanism.
O ‘Premio Europeo del Espacio Público Urbano’ é un certame bienal e honorífico que, desde o ano 2000, recoñece as mellores intervencións de creación, transformación e recuperación dos espazos públicos das cidades europeas.