21 noviembre, 2025
O Concello de Porto do Son, a través das concellarías de Deportes e Servizos Sociais, organiza o vindeiro martes, 25 de novembro, a Carreira Escolar contra a Violencia de Xénero, unha actividade enmarcada na programación con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A iniciativa, que terá lugar a partir das 10:30 horas no Paseo do Brañón, pretende combinar a práctica deportiva coa educación en valores, promovendo a convivencia entre o alumnado dos distintos centros educativos do municipio. Participarán os colexios CEIP Campanario (Baroña), CEIP Santa Irene (Porto do Son), CEIP Portosín, CEIP Sobrado de Nebra e o EEI Carballosa.
O evento busca, ademais, visibilizar e sensibilizar á sociedade sobre a importancia de combater a violencia de xénero, implicando activamente a nenas e nenos nunha acción colectiva e formativa. Todas as crianzas participantes recibirán un agasallo, grazas á colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade.
O programa da carreira está organizado por idades, co seguinte itinerario aproximado:
10:30 h – Infantil 3 anos
10:40 h – Infantil 4 anos
10:50 h – Infantil 5 anos
11:00 h – 1º de Primaria
11:10 h – 2º de Primaria
11:20 h – 3º de Primaria
11:30 h – 4º de Primaria
11:40 h – 5º de Primaria
11:50 h – 6º de Primaria