20 junio, 2024
O Concello de Padrón anuncia o programa do tan esperado Mercado Medieval, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de xullo. Este evento, que consolidou o seu prestixio cunha espectacular última edición, contará nesta ocasión con máis de 90 postos confirmados e unha lista de espera de artesáns desexosos de participar, reflectindo a gran popularidade e calidade desta feira.
O venres 5 de xullo, o mercado abrirá as súas portas a partir das 19:00 horas, enchendo a rúa Real de vida con artesáns que exhibirán os seus produtos e habilidades en obradoiros de vidro e coiro. Ao mesmo tempo, abriranse as atraccións infantís e un photocall na praza Manuel Rodríguez Cobián. A música será protagonista dende o primeiro momento coa actuación do grupo de batucada Kilombeiros de Monte Alto que completará o ambiente festivo. Ás 19:30 horas, o vidreiro real mostrará a súa destreza transformando un simple anaco de vidro nunha fermosa rosa, unha exhibición que promete ser un dos momentos máis destacados da xornada. O día continuará cun concerto de Xoán Curiel no atrio do convento do Carme ás 20:00 horas, máis batucada a partir das 21:15, e novos talleres. As actividades estenderanse ata a medianoite, ofrecendo unha experiencia completa e variada para todos os asistentes.
Xa o sábado 6 de xullo, o mercado reabrirá ás 11:00 horas. Tan só una hora despois, unha comitiva de autoridades e a organización do evento presentarán oficialmente o mercado. O pasarrúas musical e teatral coa compañía Os cómicos da corte atraerá aos máis madrugadores mentras a cativada goza de mesas lúdicas, xogos populares e das atraccións situadas na praza Manuel Rodríguez Cobián. Os visitantes poderán bailar coa música de Grimorium, Mazmorra Medieval e Un por cada extremo ata as 14:00 horas, cando será o momento de degustar a gastronomía local coa hora do Buen Yantar. Á tarde seguirá a feira coa reapertura do mercado ás 18:00 horas e co espectáculo itinerante Druicheros. Suso Martíns e Manoele de Felisa presentarán Cativo dá Minna Tristura na Praza de Macías ás 19:00 horas, dando paso ao espectáculo Galva e Capitolino e á actuación de Grimorium. A xornada deste sábado pecharase co esperado espectáculo Lume da Compañía Troula a partir das 23:00 horas e con máis obradoiros de antigos oficios ata a unha.
Por último, o domingo 7 de xullo, de novo dende as 11:00 horas, a animación e a música percorrerán o mercado dominical cun novo punto de diversión no photocall dos Cómicos da Corte na praza Rodríguez Cobián. Xa pola tarde será o momento da entrega de trofeos aos locais mellor decorados a partir das 18:15 horas e de máis pasarrúas cos grupos Mazmorra, Grimorium e Un por cada extremo. Os obradoiros de antigos oficios continuarán ás 21:30 horas na rúa Real ata que a xornada culmine co gran espectáculo de lume Andanadas ás 22:30 horas na praza de Macías. Á medianoite pecharase esta edición número 17 da Feira Medieval de Padrón.
O goberno local do Concello de Padrón confeccionou esta ampla programación de citas e de propostas co obxectivo de que tanto a veciñanza como os visitantes que se acheguen ata Padrón estes días poidan gozar dun evento que conmemora a nosa rica historia e cultura, ao tempo que axuda a dinamizar o turismo no municipio.