5 noviembre, 2025
O Concello de Padrón puxo en marcha estes días unha campaña informativa destinada a concienciar á veciñanza sobre a importancia dunha correcta separación dos residuos domésticos, con especial atención aos biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles. O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Medio Ambiente, Ana Castro, visitaron esta semana o stand instalado para dar a coñecer os detalles da iniciativa.
As primeiras accións desenvolveronse o martes 4 de novembro na praza de Macías e nas rúas Tetuán e Real, onde persoal especializado atendeu dúbidas e repartiu material divulgativo. A campaña continuará o domingo 9 de novembro nos postos da praza de Abastos e nas pulperías, puntos de gran afluencia veciñal.
Segundo datos municipais, en Padrón xéranse cada ano máis de 3.500 toneladas de lixo, pero só o 20% é separado correctamente. Esta situación tradúcese nun importante impacto económico para o Concello, que asume con fondos propios un déficit anual duns 360.000 euros entre o custe real do servizo de recollida e o que se ingresa polos recibos.
A iniciativa municipal busca reverter esta tendencia, xa que cada quilo de lixo mal separado incrementa o prezo do servizo e resta capacidade de investimento en outras áreas. A correcta separación permite reducir custos, cumprir coa normativa europea e avanzar cara a un modelo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.
Desde o goberno local subliñan que a implicación cidadá resulta clave para mellorar a xestión dos residuos e avanzar cara a un municipio máis limpo e sostible. “O compromiso institucional é firme, mais sen a colaboración da veciñanza non será posible avanzar con éxito nun modelo moderno e responsable”, sinalaron fontes municipais.