10 julio, 2025
Padrón prepárase para dez días de celebración con motivo do Santiaguiño 2025. O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron este xoves o cartel e o programa das festas, que se desenvolverán entre o 17 e o 26 de xullo con actividades gratuítas para todos os públicos, combinando tradición e innovación.
Un dos pratos fortes será o Festival Ultreia, que terá lugar a fin de semana do 18 e 19 de xullo. A praza de Macías acollerá o venres actuacións como a de Xurxo Fernandes e Sonoro Maxín, mentres que o sábado será a quenda da cultura urbana con O son do Sar no Espolón, onde haberá rap, regueifa e freestyle. As noites estenderanse con festas ao aire libre e sesións DJ con nomes como Matrek, Iván Mata, La Buena Vida, Prada, MRJ e Pitty. Ademais, contarase cun punto lila os dous días no Paseo do Espolón.
A programación infantil e familiar tamén terá un gran protagonismo. O luns 21, Teatro Gazafelhos e María Canosa levarán á escena H2… Oh!, mestura de ciencia e humor. O martes 22 será a quenda da compañía Hípica Celta co seu espectáculo acrobático Dende arriba, e o mércores 23 o ilusionista Mago Antón ofrecerá catro funcións, complementadas pola peza Barriga Verde e o Estragapandeiros, de Títeres Cascanueces.
A Festa da Cativada, o xoves 24 no Campo do Souto, promete unha tarde chea de sorpresas e diversión para os máis pequenos, con xogos, inchables e animación entre as 17:00 e as 21:00 horas. Esa mesma xornada, a música e o humor tomarán as rúas de Padrón co monólogo de Pepe Suevos, a actuación da AC Rosalía de Castro, o grupo local UYF’75, Somoza Trío e DJ Bruno Deejay.
O 25 de xullo, día grande do Santiaguiño, celebrarase a tradicional romaría popular no Santiaguiño do Monte. Comezará cunha misa ás 10:00 na igrexa parroquial de Santiago, seguida dunha procesión ata o monte. Alí terá lugar a misa cantada pola Coral Polifónica Padronesa e a clásica sardiñada popular, con reparto gratuíto de cachelos, pan de millo e bolos preñados. A música estará presente durante todo o día da man dos grupos folclóricos O’Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira e Xoldra. A cativada volverá ser protagonista pola tarde cunha festa de auga e holi. Para facilitar a asistencia, o Concello habilitará un servizo de transporte adaptado dende o Campo do Souto ata o monte.
Como broche final, o sábado 26 de xullo chegará ao Paseo do Espolón a tradicional Inchadiña Branca Vela, unha homenaxe da xente do mar a Rosalía de Castro. O desfile marítimo-fluvial rematará así unha das edicións máis diversas e completas do Santiaguiño.