Foto de familia na praza de Macías
5 julio, 2025
A XVIII Feira Medieval de Padrón arrancou este sábado cunha xornada chea de cor, tradición e irmandade. Os alcaldes de Padrón, Anxo Arca, e de Arjonilla (Xaén), Luis Miguel Carmona, foron os encargados de inaugurar oficialmente o evento, nun percorrido polo casco histórico acompañados pola comitiva medieval, encabezada pola enigmática deusa Thea e o grupo de música e animación Turdión.
O mercado medieval, espallado polas rúas do centro padronés, acolle centos de visitantes e decenas de postos de artesanía, alimentación e obradoiros para todas as idades. Artesáns de vidro, barro e coiro fixeron demostracións en vivo, mentres os máis pequenos gozaban con xogos tradicionais, pintacaras e espectáculos de maxia.
A comitiva institucional, integrada tamén por concelleiros de ambos municipios, percorreu o mercado entre a sorpresa do público, que aplaudiu as actuacións e se fotografou cos personaxes medievais. Como mostra da boa sintonía entre as dúas localidades, o alcalde de Arjonilla recibiu como agasallo unha lámina co seu nome escrito en árabe.
O acto central do irmandamento celebrouse pola tarde na igrexa de Santiago, onde o músico Xoán Curiel puxo o broche cultural á xornada cun concerto titulado Treides conmigo!, no que interpretou temas do seu último disco, inspirados nos versos de Macías o Namorado e doutros trobadores medievais. A proposta musical, que mestura sonoridades antigas e actuais, emocionou ao público e reforzou a ligazón simbólica entre a cultura galega e andaluza.
Xa entrada a noite, a deusa Thea regresou ás rúas acompañada dos seus personaxes iluminados, ofrecendo un novo espectáculo visual que converteu o centro de Padrón nun escenario máxico.
A Feira Medieval continúa este domingo con máis actividades. Ás 12.00 h terá lugar a entrega dos Premios de Engalanamento en Ornato, co que o Concello de Padrón recoñece o esforzo dos comerciantes locais por decorar os seus establecementos con estética medieval. As animacións comezarán xa ás 11.00 h coa aparición do “Boque Vivinte” e prolongaranse durante toda a xornada ata a medianoite, cando se clausure esta nova edición dunha feira que xa se consolidou como unha cita imprescindible no verán galego.