Padrón: actos da festa de San Xoán do Raio
23 abril, 2024
O Concello de Padrón celebrará o próximo luns día 6 de maio a súa tradicional festividade de San Xoán do Raio, un evento que se remonta ao ano 1613.
Así, os actos oficiais en homenaxe ao patrón comezarán ás 11.45 horas coa recepción de autoridades na casa consistorial e a posterior procesión do santo dende o Concello ata a igrexa de Santiago, tras o que chegará a celebración da misa solemne, ás 12.00 horas, que contará co acompañamento musical da Coral Val do Sar.
Tras esto, os actos trasladaranse á praza de Macías onde actuará a Tuna de Veteranos da Coruña.
Esta festividade de San Xoán do Raio inclúe, como é tradición tamén, un xantar de confraternidade para a terceira idade no restaurante do Hotel Scala.
Para poder asistir cómpre retirar a invitación antes do día 3 de maio no Centro Social, mentres que os prezos para os empadroados en Padrón será de 10 euros, que se ingresarán na conta que se facilitará no momento da inscrición. No caso das persoas non empadroadas o xantar terá un custo de 39 euros e deberán retirar as invitacións no hotel Scala.
Por outra banda, tamén existirá un servizo de autobuses que pasará polas paradas de transporte escolar a partir das 11.00 horas, con regreso ás 19.00 horas.
A actuación da orquestra Os Satélites no campo do Souto servirá como colofón á festa a partir das 20.00 horas.