O Concello de Padrón anunciou o lanzamento dun polo conmemorativo de La Vuelta 2024, dispoñible para toda a veciñanza a partir de hoxe no centro social do Campo do Souto. Esta iniciativa forma parte das accións de promoción e preparación para a chegada da competición ciclista o próximo mércores 28 de agosto, un evento de gran relevancia deportiva, turística e económica para o municipio.
Co obxectivo de fomentar a participación activa da cidadanía nesta celebración, o Concello decidiu repartir gratuitamente este polo conmemorativo que estará dispoñible no departamento de deportes, localizado no centro social do Campo do Souto, en horario de 10:00 a 12:00 horas. A distribución limítase a un polo por persoa, con tallas dispoñibles tanto para nenos como para adultos.
A Vuelta a España, unha das probas ciclistas máis prestixiosas a nivel internacional, converterá a Padrón nun punto de encontro para deportistas e afeccionados de todo o mundo. O Campus Tecnolóxico Cortizo será o escenario da saída e chegada da undécima etapa, que percorrerá 166,5 quilómetros atravesando varios puntos do concello. O paso da carreira suporá unha importante inxección económica, coa esperada afluencia de numerosos visitantes que dinamizarán o comercio local, a hostalería e os servizos. Ademais, o evento ofrecerá unha excelente oportunidade para promocionar Padrón como un destino turístico e deportivo de referencia.
O Concello destaca a importancia deste evento, que sitúa a Padrón no panorama do ciclismo internacional, e anima a toda a veciñanza a recoller o seu polo como símbolo de apoio e participación nesta celebración.