1 octubre, 2024
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha por noveno ano consecutivo o programa cultural Outono a escena que dinamizará as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.
O certame ofertará catorce propostas culturais repartidas nos dous meses. A programación terá como escenario principal o da Capela da Madanela que acollerá neste tempo diversos espectáculos para todos os públicos repartidos nos chamados Venres na Capela para público adulto e os Sábados en familia para público infantil e familiar. Este sábado, día 5 de outubro, ás 18:00h levarase a cabo a primeira función para público infantil e familiar co espectáculo de teatro e música Palabras, unha representación a cargo da compañía Baobab Teatro.
As propostas dos Sábados en familia traerán tamén unha función de teatro infantil encadrada no programa Camiño Escena Norte no que o Concello de Arzúa participa unha edición máis. Desta vez a compañía Pájaros Pintados, chegada desde Navarra, representará a obra El jardín de Oliva ás 18:00h do sábado 19 de outubro.
No mes de outubro tamén se agardan outras propostas para público adulto, dentro dos Venres na Capela, coa presentación do libro Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos de Xosé Carlos Carracedo Porto o venres 18 e o espectáculo de narracion oral e música de autora Matrioskas de Marta Ortiz e Sofía Espiñeira o venres 25.
Como gran novidade, Arzúa acollerá dentro desta programación o Culturgal Expandido. O mellor das culturas galegas con literatura, música e teatro os días 11 e 12 de outubro.
A programación de Outono a escena continuará no mes de novembro con monólogos e actividades dirixidas ao público escolar para conmemorar o Día do Infancia.
Todas as actuacións serán de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade.
O Concelleiro de Cultura, José Luís García, anima á veciñanza e visitantes a “participar desta completa programación pensada para todos os públicos como lugar de encontro e entretemento nas tardes de outono”. Ademais, destaca “a importancia da colaboración cos centros educativos programando numerosas actividades en horario lectivo asegurando así a participación de centos de nenos e nenas na programación cultural do noso concello”.
PROGRAMACIÓN:
OUTUBRO
Sábado 5. SÁBADOS EN FAMILIA: Teatro musical
“Palabras” de Baobab Teatro. Capela da Madanela | 18:00
Venres 11 e Sábado 12. CULTURGAL EXPANDIDO
Literatura – Danza – Música – Teatro – Programación infantil
*Máis información na cartelería específica deste evento e redes sociais
Venres 18. OS VENRES NA CAPELA: Presentación do libro “Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos” de Xosé Carlos Carracedo Porto. Capela da Madanela | 20:30
Sábado 19. SÁBADOS EN FAMILIA: Teatro
Programa Camiño Escena Norte: “El jardín de Olivia” de Pájaros Pintados (Navarra). Capela da Madanela | 18:00
Venres 25. OS VENRES NA CAPELA: Narración oral e canción de autora
“Matrioskas” de Marta Ortiz e Sofía Espiñeira. Capela da Madanela | 21:00
NOVEMBRO
Venres 8. OS VENRES NA CAPELA: Monólogo
“Enredada” de Leti da Taberna. Capela da Madanela | 21:00
Luns 18. DÍA DA INFANCIA:
Concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Función escolar | 11:30
Martes 19. DÍA DA INFANCIA:
“As palabras perdidas” de Inventi Teatro. Función escolar | 11:30
Mércores 20. DÍA DA INFANCIA:
“O violino de Luísa” de O Viravai. Función escolar | 11:30
Xoves 21. DÍA DA INFANCIA:
“Esas cousas marabillosas” de Empatía Teatro. Función escolar | 11:30
Venres 22. DÍA DA INFANCIA:
Espectáculo “O Son que me Arrola”. Escola infantil | 11:30
Luns 25. DÍA DA INFANCIA:
Obradoiro «Falamos – Rap e Saúde Mental». Público escolar | 11:30
Venres 29. OS VENRES NA CAPELA: Monólogo
“O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada” de Esther F. Carrodeguas. Capela da Madanela | 21:00