3 julio, 2025
Este sábado 5 de xullo comeza a segunda edición dos Seráns en Ribadiso, unha proposta impulsada polo Concello de Arzúa co obxectivo de recuperar o espazo simbólico de lecer que representa Ribadiso e seguir construíndo espazos de encontro abertos a toda a veciñanza. A primeira cita contará coa presenza de Leti da Taberna, que presentará o seu espectáculo “Enredada” a partir das 20:00 h na área recreativa de Ribadiso, con entrada libre.
Leticia Miraz, máis
“Enredada” é o monólogo co que a artista nos fai reflexionar e rir a partes iguais sobre o noso comportamento nas redes sociais, o seu uso cotián, a presenza que teñen na vida diaria e as situacións máis disparatadas que ela mesma viviu como taberneira virtual.
“Animamos a toda a veciñanza a achegarse este sábado a Ribadiso, a gozar dunha tarde diferente nun lugar único e a desfrutar da retranca do país. Neste caso, cunha auténtica profesional e artista como Leti da Taberna, que seguro que nos vai facer pasar unha tarde divertida”, explica o alcalde, Xoán Xesús Carril.
Desde o Concello destacan que esta nova edición dos Seráns busca dar continuidade a unha programación feita con coidado e pensada para dinamizar e devolverlle vida a Ribadiso.
O Concello convida a participar desta primeira cita dun verán que aposta pola alegría compartida, polos espazos abertos e pola forza da creación feita aquí.
“Os Seráns en Ribadiso son a nosa aposta por espectáculos de calidade, en galego, e por darlle vida a espazos naturais que son de toda a veciñanza e que nos unen”, conclúe o alcalde.