3 julio, 2024
Esta semana comeza a cuarta edición dos “Seráns de Ames”, unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello de Ames, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia cos “Seráns de Tapia”, e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Na pasada edición de 2023, Tapia e Bugallido volveron acoller dito programa.
Como novidade, este ano contarase con Biduído e Agrón como sedes, repartindo así entre catro parroquias (Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón) os oito xoves de xullo e agosto nos que haberá actividades para todos os públicos a partir das 19:00 horas.
Deste xeito, mañá, 4 de xullo, arranca a iniciativa, posta en marcha polos departamentos de Bibliotecas, Mocidade, Cultura e Normalización Lingüística. A partir das 19:00 horas, realizarase en Tapia o pregón inaugural do programa, que correrá a cargo da xornalista e escritora amesá Paula Señarís. Deseguido, o grupo, tamén amesá, As Maianas ofrecerá unha actuación.
As Maianas son un grupo de cantareiras que naceu nun obradoiro de música tradicional do Concello de Ames. Comezaron a súa andaina en 2007 coa gravación do seu primeiro traballo onde destacan temas de composición propia. As súas voces están acompañadas por instrumentos tradicionais de percusión como pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, así como outros instrumentos como cunchas ou cuncas. A percusión corporal, o son do clarinete, da frauta tenor e da guitarra española dan un toque maiano aos arranxos das pezas.
Programación de xullo
As actividades continuarán tamén ao longo do resto de xullo. O xoves 11 de xullo será a quenda da parroquia de Biduído, co concerto de Sr. Salvaje, ás 20:00 horas, no campo da festa, mentres que o xoves 18, Bugallido acollerá o espectáculo de danza-circo “A vida tola de Pajarito”, ás 20:00 horas, no campo da festa.
Programación de agosto
Xa en agosto, o xoves 1 terá lugar na praia fluvial de Tapia a sesión de xogos “Xogos do Paporrubio”, ás 17:30 horas, e o espectáculo de títeres “Varietés do Animalario”, ás 19:30 horas. Pola súa banda, o xoves 8 ás 20:00 horas, o campo da festa de Agrón acollerá o espectáculo de versións musicais de “A banda de Nash”.
Os Seráns de Ames volven a Bugallido o xoves 22 na carballeira cunha Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19:00 horas. Por último, a programación remata o xoves 29 en Tapia, co monólogo de Manolo Boquete, ás 19:00 horas.