26 junio, 2024
O Castelo de Vimianzo volverá ser durante a tempada estival o escenario de múltiples accións para achegar o patrimonio do municipio á cidadanía.
Os Quinquilláns serán os encargados de achegar o valor patrimonial da fortaleza a todas as persoas participantes dunha maneira dinámica e entretida durante os domingos de xullo (día 7, 14, 21 e 28), agosto (día 4, 11, 18 e 25) e setembro (día 1, 8 e 15, cando se dará por rematada esta programación estival). Farano en dúas quendas, unha de mañá, ás 12:00 horas, e outra de tarde, ás 17:00 horas.
As visitas son completamente gratuítas e necesitan de inscrición previa para poder asistir. Os menores de idade deberán ir acompañados e acompañadas.
Valor patrimonial
Esta iniciativa súmase aos obradoiros da Mostra de Artesanía en Vivo que durante estes meses van ter lugar neste mesmo escenario e que achegarán á sociedade diferentes disciplinas, como coiro, liño, palla, barro, etc.
O obxectivo é poñer en valor un dos principais atractivos culturais e turísticos cos que conta o municipio.