30 octubre, 2025
A comarca de Santiago sitúase entre as zonas máis dinámicas do programa MercaNaVila, a iniciativa da Deputación da Coruña destinada a apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Segundo o último informe de vendas, Ordes, Arzúa, Oroso, Santa Comba e Padrón concentran un volume conxunto de máis de 529.000 euros, o que representa case o 19,4 % do total provincial, que alcanza os 2.723.068,35 euros. Ordes lidera claramente a comarca con 205.304,63 euros en vendas (7,54 % do total provincial), seguido de Arzúa con 116.133,91 euros, Oroso con 74.776,68 euros, Santa Comba con 74.006,67 euros e Padrón con 59.472,03 euros.
Tamén destacan outros concellos da área como O Pino, Mesía, Vedra, Val do Dubra e Rois, que suman preto de 50.000 euros adicionais, reforzando o peso do interior da provincia na dinamización do comercio local.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que “o éxito de MercaNaVila na comarca de Santiago confirma que o pequeno comercio segue sendo unha das grandes fortalezas do noso territorio. Este programa permite activar o consumo, apoiar o emprego local e xerar cohesión nas vilas e aldeas da provincia”.
O programa, dotado cun orzamento global de 6 millóns de euros, mobiliza xa preto de 1.000 establecementos adheridos en toda a provincia e converteuse nun referente das políticas provinciais de apoio ao comercio de proximidade.
Cada bono MercaNaVila permite aplicar descontos de entre 5 e 15 euros no momento da compra, con un máximo de 100 euros por persoa. As compras deben realizarse obrigatoriamente nas tendas adheridas dos concellos de menos de 20.000 habitantes, pero os bonos poden descargarse desde calquera lugar, incluíndo as cidades, a través da plataforma web oficial mercanavila.gal, onde tamén se pode consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.
Tanto a Deputación como a Federación Galega de Comercio destacan que o éxito de MercaNaVila “reflicte a confianza cidadá neste modelo de apoio directo ao comercio local”. As asociacións de comerciantes valoran positivamente a iniciativa, que xa evidencia un incremento de visitas e vendas, nunha campaña que se estende ata o 20 de novembro.