O programa de turismo social do Imserso é unha iniciativa de envellecemento activo que ofrece ás persoas maiores estancias en zonas de costa e turismo de interior, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e a previr a dependencia
21 octubre, 2025
Oitenta veciños de Valga viaxarán durante a primeira metade do ano 2026 a Alacante e Fuerteventura, a través do programa de turismo social do Imserso. Onte tivo lugar no Edificio de Usos Administrativos o sorteo das prazas (un total de 80) entre os 117 solicitantes. No acto participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e persoal municipal relacionado cos departamentos de Maiores e Servizos Sociais.
En dúas das viaxes había máis demanda que prazas: o desprazamento a Fuerteventura no mes de febreiro, con 20 prazas e 27 inscritos, e o de Alacante do mes de abril, que foi o destino máis solicitado con 51 peticións para 20 prazas. Ademais do sorteo, tamén se estableceu a orde da lista de espera, en caso de que se produzan renuncias.
A terceira viaxe, tamén a Alacante, pero en febreiro dispoñía de 40 prazas e só se presentaron 39 inscricións, polo que quedaba unha vacante que tamén se sorteou entre as persoas excluídas dos outros dous deprazamentos e que aceptaron o cambio de destino ou data.
O programa de turismo social do Imserso é unha iniciativa de envellecemento activo que ofrece ás persoas maiores estancias en zonas de costa e turismo de interior, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e a previr a dependencia. As viaxes son subvencionadas polo Ministerio de Dereitos Sociais e o Concello que, ademais se fai cargo dos desprazamentos ata o aeroporto.
O paquete inclúe transporte de ida e volta en avión, aloxamento en réxime de pensión completa e programa de animación sociocultural, así coma os correspondentes seguros e servizo médico.
Actividades de envellecemento activo
Aproveitando este acto, lembrouse aos asistentes que ata o vindeiro luns poden inscribirse nas actividades de envellecemento activo, dirixidas a maiores de 55 anos. Trátase de propostas de culturais, lúdicas, creativas e de benestar cuxa finalidade é a de mellorar a calidade de vida deste sector da poboación, ao tempo que se promove a socialización. O persoal dos departamentos de Maiores e Servizos Sociais fixeron fincapé, precisamente, nesta última cuestión: a de relacionarse con outras persoas para evitar a soidade e o illamento social.
As actividades organizadas dende o Concello son:
No caso de persoas que participen en máis dunha actividade aplicarase un 25% de desconto á tarifa.
As follas de inscrición cubertas xunto coa solicitude de domiciliación bancaria poden entregarse no Concello ou enviarse por correo electrónico ao enderezo informacion@valga.gal. Tamén está dispoñible o teléfono 621 204 615 para máis información.