30 octubre, 2024
O Concello de Oroso informa de que xa se atopan en execución as obras de mellora do pavimento na Avda. Álvaro Cunqueiro e na Rúa Mesía, a substitución da canle na Rúa Curros Enríquez, así como a execución dunha nova beirarrúa na Avda. Álvaro Cunqueiro. Estas actuacións están enmarcadas no Parque Empresarial de Sigüeiro e contan cun importe de adxudicación superior aos 120.000€, grazas á colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. As previsións estiman que estas melloras estarán finalizadas ao longo da próxima semana.
Estas accións forman parte dun plan máis amplo de desenvolvemento e mellora do polígono, no que tamén se inclúe un proxecto para a mellora do pavimento na Rúa Otero Pedrayo e Rúa Cerceda, que está previsto para 2025. Este proxecto, xa redactado, atópase en fase de tramitación, pendente dos informes sectoriais necesarios debido á afectación da zona por Augas de Galicia e Patrimonio Cultural.
O Concello de Oroso tamén anuncia que están en vías de licitación e adxudicación outros proxectos que se realizarán nas seguintes áreas: a mellora da rede viaria en Vilacide de Arriba (Oroso), no Franco (A Gándara) e no Cano (Trasmonte); a mellora da rede viaria en Piñeirón (A Gándara), Arderís (Senra) e Bran (Os Ánxeles); a mellora da rede viaria en Penateixa (A Gándara), A Baiuca, Castro e o Igrexiario (Senra), así como en Cas e Casas (Os Ánxeles); ademais, está previsto un proxecto de mellora da eficiencia enerxética en instalacións deportivas do municipio, unhas actuacións que superan os 460.000€ de investimento por parte do concello.
Estas actuacións enmárcanse no compromiso do Concello de Oroso co desenvolvemento sustentable e a mellora das infraestruturas en beneficio dos veciños.