Este verán xa se puido circular tamén con máis comodidade e seguridade pola vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), na que se realizou un investimento de 576.614 euros. A actuación foi moi semellante ás anteriores, con ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados.
Ao longo dos 4.675 metros de vía tamén se procedeu á drenaxe de pluviais e á sinalización horizontal e vertical. Ademais construíronse dous muros de coieira de 20 e 40 metros de longo e 1 de alto no treito comprendido entre os lugares do Igrexario e Sambade, e no lugar de Arnados tamén se habilitou unha senda peonil, na marxe esquerda, nunha lonxitude de 230 metros. Tanto en Arnados coma no Igrexario de Lema realizouse a pavimentación con formigón, seguindo o modelo que estamos a utilizar nos núcleos rurais tradicionais.
A estas catro estradas somouse a primeira fase da que enlazará a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de desconxestionar a estrada comarcal AC-552, na que se concentra moito tráfico sobre todo nos horarios de saída dos traballadores e traballadoras do parque empresarial. Nesta primeira fase acometeuse o treito desde o polígono ata a avenida dos Abetos e a rúa Médico Justo Martínez, a través da cal se creou un itinerario alternativo.
A actuación tivo un orzamento de 541.218 euros. Este primeiro treito da nova vía ten 800 metros de lonxitude e case 14 metros de ancho, con dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía. Para contribuír á seguridade das persoas usuarias da senda tamén se instalou alumeado. Ademais, ao longo deste itinerario mixto plantáronse árbores.
A primeira actuación prevista para o ano 2026 é o aglomerado da vía que une os lugares das Torres (Oza) e Cances Grande, que está incluída no POS+ Adicional 2/2025 e ten un orzamento de 481.964,74 euros.




