7 agosto, 2024
O vindeiro domingo 6 de outubro celebrarase a sétima edición do Trail da Baña, que por primeira vez será puntuable para o ranking do Circuíto Galicia Trail Running Series, da Federación Galega de Atletismo. Na presentación do evento participaron Iván Sanmartín, presidente da federación; José Antonio Pereira, alcalde da Baña; Ana Pensado, concelleira de Deportes; e Borja Collar, responsable de BJ Trainers&co., empresa organizadora.
Como novidade, o VII Trail da Baña terá clasificacións específicas para as categorías Sub 16 e Sub 18, que correrán na proba de 8 quilómetros, aberta tamén a adultos. O evento contará con catro modalidades: un trail de 28 km cun desnivel de 1.000 metros, un minitrail de 16 km cun desnivel de 650 metros, un trail promesa de 8 km e unha andaina non competitiva de 8 km. A idade mínima de participación é de 12 anos, acompañados por un adulto.
As categorías do trail longo incluirán sénior, máster 1, máster 2 e absoluta, mentres que no trail curto haberá categorías Sub 20, Sub 18, Sub 12, sénior e absoluta. Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como para os tres primeiros clubs, os tres clubs con maior participación e os mellores atletas locais.
A saída será desde o pavillón de San Vicenzo: o trail ás 9.45 horas, o minitrail ás 9.55 horas, o trail promesas ás 10.00 horas e a andaina ás 10.05 horas. As inscricións estarán abertas do 6 de agosto ao 1 de outubro en www.carreirasgalegas.com. Os prezos son 18€ para o trail, 15€ para o minitrail, 12€ para o trail promesas e 9€ para a andaina. Todos os participantes recibirán un agasallo, terán puntos de abastecemento e poderán gozar dun catering final con filloas da pedra da Baña.
Durante a presentación, o alcalde destacou a aposta do Concello da Baña por estas probas que combinan deporte e natureza. Ana Pensado referiuse ao Trail da Baña como unha proba de referencia na comarca do Val do Barcala. Iván Sanmartín salientou a normativa ecolóxica do circuíto, que inclúe o uso de cintas reutilizables e recipientes persoais para a auga. As bases do trail poden consultarse na web do Concello da Baña.