Máis de 500 persoas no II Xantar Veciñal ou festa dos maiores.
15 junio, 2025
O pavillón de San Vicenzo converteuse onte nun auténtico punto de encontro para a veciñanza da Baña, que respondeu masivamente á convocatoria do II Xantar Veciñal, organizado pola Concellería de Acción Social, Cultural e de Servizos á Cidadanía. Máis de 500 persoas desfrutaron dunha xornada marcada pola boa comida, a música tradicional e o ambiente festivo.
O menú non defraudou: empanada, polbo á feira, carne ao caldeiro, tarta larpeira e xeados fixeron as delicias dos asistentes, que tamén gozaron da actuación musical do grupo Faíscas da Pontraga, encargado de abrir a celebración co seu repertorio de música galega.
Xa na sobremesa, a festa continuou cunha segunda actuación do grupo local e cunha sesión a cargo dunha DJ, que puxo ritmo á tarde antes do esperado bingo, no que se sortearon tres lotes de produtos galegos. Os afortunados foron Antonio Pensado Louzao, Víctor Pías Rodríguez e Domingos Tourís Fornos, que recibiron os seus agasallos de mans da concelleira Mónica González.
Ao evento tamén asistiron o alcalde e membros do grupo de goberno local, nunha clara mostra do seu apoio ás iniciativas que promoven a cohesión social e o espírito comunitario.
Con esta segunda edición, o Xantar Veciñal consolídase como unha cita imprescindible no calendario social da Baña, onde tradición, gastronomía e convivencia van da man.