O Departamento de Cultura de Arzúa pon fin este venres á súa programación de inverno cunha nova iniciativa educativa: Coñece o teu concello. Este proxecto, destinado a achegar aos escolares ao patrimonio e ás potencialidades do territorio, servirá como peche dos Encontros culturais de inverno, un ciclo que ao longo dos últimos meses combinou cine, música, literatura e actividades en diversas parroquias.
O programa arranca cunha visita a Pantiñobre, na que participarán 50 alumnos e alumnas de 6º de Primaria e 1º da ESO do CEIP de Arzúa e do Colexio Nosa Señora do Rosario. Durante a xornada, explorarán a historia e a riqueza cultural da parroquia a través dunha serie de actividades guiadas.
A visita incluirá un percorrido pola igrexa de Santo Estevo, onde os estudantes manterán un encontro con Alejandro Vidal, membro da Asociación de Campaneiros de Galicia. Tamén percorrerán un tramo do Roteiro das Corredoiras, centrado na toponimia, o patrimonio etnográfico e as explotacións forestais e gandeiras da zona. Ademais, descubrirán a capela de San Xoán, admirarán os exteriores do pazo de Pedride e visitarán Casa Assumpta e Casa Donicio como exemplos de modelos alternativos de explotación rural.
Para pechar a xornada, levarase a cabo unha posta en común no local social antes do regreso aos centros escolares.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, mostrou a súa satisfacción por levar a cabo este proxecto, que definiu como “unha aposta moi persoal para que as novas xeracións coñezan a historia, a cultura e o patrimonio do noso rural, así como todas as posibilidades de futuro que ofrece”. Ademais, agradeceu a colaboración dos centros educativos para facer posible esta iniciativa.




