O Partido Popular de Arzúa manifestou a súa oposición ás decisións adoptadas polo goberno municipal (BNG-AXA-PSOE) para a 50ª edición da Festa do Queixo. Segundo os populares, estas medidas reflicten unha forte orientación política e carecen de coherencia co discurso oficial de apoio ao comercio local.
Un dos principais puntos de discrepancia é o cambio de data do evento, tradicionalmente celebrado na primeira fin de semana de marzo. O voceiro do PP de Arzúa, Rafael Rivadulla, criticou esta modificación atribuída á coincidencia co Entroido. “A Festa do Queixo ten o peso suficiente como para manter a súa data orixinal. Xa se demostrou noutras edicións que é perfectamente compatible co Entroido. A data debería ser inamovible”, declarou Rivadulla.
Outra crítica vai dirixida á decisión do Concello de prescindir da promotora musical local Art Music Agency, que durante 14 anos organizou o Festival do Queixo, para contratar a empresa foránea Nalgures Producións S.L. Segundo os populares, esta decisión non respecta o compromiso do goberno municipal co tecido empresarial local.
“O tripartito presume de apoiar ás empresas do pobo e ao comercio local, pero cando chega a ocasión de demostrar ese compromiso, actúan con total incoherencia”, asegurou Rivadulla. O PP tamén denunciou que non se lle deu a oportunidade a Art Music Agency de presentar unha proposta para esta edición.
A empresa seleccionada, Nalgures Producións S.L., está vinculada a José M. Blanco Álvarez, irmán de Fernando Blanco, exconselleiro de Industria e exdeputado do BNG. Para os populares, esta relación directa pon en dúbida a transparencia do proceso. “Se esta situación acontecese cun goberno do PP, sería cualificada polos nacionalistas como unha auténtica cacicada”, concluíu Rivadulla.
A Festa do Queixo, un dos eventos culturais máis importantes de Arzúa, parece estar no centro da polémica a tan só semanas da súa celebración.




