12 septiembre, 2024
A Corporación municipal aprobou por unanimidade o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames; a adhesión á central de contratación da FEGAMP para os servizos postais e telegráficos; e unha moción política presentada polo grupo municipal do BNG para demandar que a Xunta de Galicia atenda as necesidades técnicas e humanas do PAC e do centro de saúde de Bertamiráns. Ademais, aprobouse por maioría a ratificación do decreto de alcaldía de autorización da quinta prórroga, polo prazo de 2 anos, da concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; a revisión do IPC para o período xullo de 2022 a xullo de 2023, do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza numero 1 reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de agosto comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 366 decretos, do 2364 ao 2729. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao segundo trimestre do exercicio 2024. Durante este período destacou que o período medio de pago a provedores foi de 38,06 días.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames, que foi aprobado por unanimidade. O pasado 22 de xullo o Secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia comunicou que está vacante o cargo de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames, por renuncia da actual xuíza de paz titular, Xiomara Erlinda Lazo Fuentes, que fora elixida polo pleno do Concello de Ames en sesión do 29 de febreiro de 2024.
Servizos postais e telegráficos
Outro dos temas que se aprobaron por unanimidade foi a adhesión á central de contratación da FEGAMP para os servizos postais e telegráficos. Os servizos postais e telegráficos estanse prestando ao Concello ao abeiro do convenio FEGAMP-Concellos, que ten a súa orixe no convenio FEGAMP-Correos para prestar o servizo portal aos concellos galegos con tarifas públicas. Dito convenio ofrece uns prezos máis reducidos que os habituais no mercado ascendendo o importe dos mesmos para o ano 2023 a 28.202,27 euros. Agora, a FEGAMP comunicoulle ao Concello a posibilidade de adherirse a súa Central de Contratación para os servizos postais e telegráficos que se creou por acordo da comisión executiva do 21 de maio de 2024.
Centro deportivo municipal A Telleira
Por outra banda, abordáronse tres temas relacionados co centro deportivo municipal A Telleira que foron aprobados por maioría. O primeiro foi a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a autorización da quinta prórroga, polo prazo de 2 anos, da concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. A empresa concesionaria de dito servizo, Serviocio Deporte Cultura e Recreación SL, deberá realizar obras de investimento por importe de 128.958,67 euros sen IVE, durante a quinta prórroga. Con esta quinta prórroga ordinaria o contrato estendería a súa vixencia ata o 9 de setembro de 2026. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego. A concelleira de Espazo Común abstívose neste tema.
Tamén se tratou a revisión do prezo do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira solicitada en xullo de 2024. O incremento cuantificase no 2,1% e resulta do calculo do IPC tomando como referencia o período que vai de xullo de 2022 a xullo de 2023 e terá efectos dende a aprobación definitiva da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. A modificación de dita ordenanza foi outro dos temas que se trataron no pleno ordinario de agosto. Estes dous puntos foron aprobados co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do Partido Popular e de Espazo Común. As concelleiras e concelleiros do Bloque Nacionalista Galego abstivéronse.
Moción sobre o PAC e centro de saúde de Bertamiráns
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción política do grupo municipal do BNG para demandar que a Xunta de Galicia atenda as necesidades técnicas e humanas do PAC e do centro de saúde de Bertamiráns. En dita moción solicítaselle á Xunta de Galicia o estudo de construción dun centro novo ou a ampliación do centro de saúde e do PAC de Bertamiráns dando lugar a unha estrutura ben dimensionada e acondicionada no terreo cedido polo Concello; co fin de dar acollida ás novas demandas tanto profesionais como das usuarias e usuarios en relación a poder contar cun espazo digno para fisioterapia, rx, nutricionista ou logopeda.
Tamén se solicita a dotación do persoal necesario de xeito que se garanta a atención pediátrica pola tarde no centro de saúde; un dobre equipo completo de tarde e nas fins de semana no PAC; e maila inclusión de novas categorías profesionais que respondan ás necesidades da veciñanza amesá do século XXI.
A encargada de expoñer dita moción foi a voceira do BNG, Escarlata Pampín, que destacou “o centro de saúde de Bertamiráns foi inaugurado no ano 1991 cando o número de habitantes rondaba os 10.000. As infraestruturas e os servizos actuais teñen que responder ás necesidades actuais da veciñanza amesá que nestes momentos ronda os 33.000 habitantes. O centro de saúde de Bertamiráns está obsoleto e non é funcional, ademais de estar sobrecargado en tódalas consultas. Non é práctico nin está dimensionado para a poboación que atende agora mesmo nin a futura que ten que atender. Hai tres anos fíxose unha remodelación do centro que foi insuficiente e que afectou, sobre todo, á cuberta, á iluminación e á área administrativa”.
“O PAC presenta unha estrutura deficiente, con medios de descanso nada adaptados ás necesidades actuais, compártense as instalacións co centro de saúde e o mobiliario e os medios para a atención sanitaria están totalmente anticuados. No que ao persoal se refire, os medios humanos, son totalmente insuficientes. Mención especial merece a situación do centro de saúde ao respecto de pediatría, dado que moitas tardes non se presta este servizo provocando un grave prexuízo nas familias e unha sobrecarga para o PAC. Sen medios humanos os materiais quedan baleiros”.
A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que esta moción “recolle a realidade do que acontece no centro de saúde de Bertamiráns. Son demandas que teñen formulado tanto o persoal como os usuarios e usuarias, e así o levan reclamando dende hai anos, vendo como non son atendidas pola administración competente. Fíxose un gran investimento no centro de saúde de Bertamiráns, pero para o único que serviu foi para reorganizar a área de administración e acomodar as instalacións á normativa actual. Quedou sen acometer a accesibilidade do centro. A planta de arriba segue estando moi pouco utilizada porque non hai accesibilidade”.
O concelleiro do Partido Popular, José Ramón Oulego, destacou que “a Xunta de Galicia fixo investimentos por valor de máis de tres millóns de euros nos últimos anos nos centros de saúde de Ames. Todo é susceptible de mellora, pero tamén é certo que os recursos son limitados. O compromiso amosado pola Xunta de Galicia co Concello de Ames queda fóra de toda dúbida. Somos todos conscientes das necesidades que ten o centro de saúde de Bertamiráns e por iso nos imos a sumar a esta moción. Tamén nos sumamos a petición da cesión dos terreos, trámite que ten que facer o goberno municipal. O que se está pedindo nesta moción é beneficioso para os veciños polo que imos votar a favor”.
O voceiro do partido socialista de Ames, Víctor Fernández, indicou que esta moción “vén a dar continuidade a unha reclamación histórica. O goberno actual, neste mandato, e o anterior goberno, reclamou que Bertamiráns dispoña dun novo centro de saúde que dea resposta ás necesidades actuais. Na actualidade estamos á espera de recibir resposta por parte da Consellería de Sanidade, para ter unha reunión e poder tratar este tema e abordar a situación da sanidade en Bertamiráns. Xa se solicitaron reunións co anterior conselleiro en reiteradas ocasións e agora en maio deste ano co novo conselleiro”.
O alcalde, Blas García, pechou este punto dicindo que “se solicitou de forma reiterada unha xuntanza co anterior conselleiro de Sanidade e agora co novo conselleiro, que agardo que teña resposta e nos poidamos sentar a falar. Ademais, xa se lle dixo que temos uns terreos dispoñibles para a ampliación do centro de saúde. Dita cesión de terreos podémola traer ao pleno ordinario de outubro e aprobala, por se iso axuda a avanzar na tramitación de dita ampliación. Dende o Concello estivemos facendo xestións para non perder zona de aparcamento no caso de executar a ampliación do centro. Habilitaranse novas zonas de aparcamento en terreos que son propiedade do Concello”.