11 octubre, 2024
O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu hoxe, 11 de outubro, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a Conta Xeral de 2023. A sesión plenaria comezou coa concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, dando conta das resolucións adoptadas contrarias aos reparos de 2023. Señorís dixo que “se dá traslado de 249 reparos correspondentes a gastos que non dispoñen de contrato, que nunca foron obxecto de licitación. A maior parte destes reparos son por actividades, servizos e traballos que se repiten no tempo”.
De seguido, a concelleira de Servizos Económicos foi a encargada de expoñer no pleno as principais magnitudes da Conta Xeral de 2023, que reflicte unha execución do 70% do orzamento de dito exercicio. “No exercicio 2023 as obrigas recoñecidas ascenderon a 33.834.194 euros, que é a cifra máis alta dos últimos 12 anos. Destaca tamén a execución do capítulo VI, referido aos investimentos, que ascendeu a 5.074.763,84 euros, sendo a cifra máis alta dos históricos que se recollen nos datos do departamento de Intervención, superando en máis dun millón e medio de euros a execución do ano anterior”.
A concelleira de Servizos Económicos continuou achegando máis datos: “con respecto a execución do orzamento de 2023 sobre os créditos definitivos foi dun 70,62%, o que demostra, que non só seguimos mantendo os servizos municipais, senón que os melloramos de forma continuada, como a conciliación, o SAF e outras moitas actividades e servizos que melloran a calidade de vida da veciñanza amesá e polos que este goberno aposta e seguirá apostando”.
“En canto os ingresos, os dereitos recoñecidos netos acadaron no ano 2023 os 30.534.884,08 euros, e foron superiores aos do exercicio 2022 en case un millón de euros, alcanzando unha execución do 63,73%. Hai que destacar o comportamento dos ingresos correntes cunha execución do 97,14%, sen embargo existe un baixo grao de execución no capítulo de transferencias de capital debido a que neste exercicio acometéronse a maior parte dos investimentos vinculados a EDUSI. Resaltar que este goberno foi capaz de acabar executando máis dun 70% dos fondos EDUSI tendo en conta os problemas existentes con algunha das obras e proxectos importantes”.
Susana Señorís, engadiu “en canto ao resultado orzamentario, este foi negativo en 760.234,41 euros, debido á execución de gastos en investimentos EDUSI (os investimentos realizáronse no 2023, pero os ingresos non se producirán ata este exercicio 2024). O remanente de tesourería, para gastos xerais, resultou positivo en 5.327.887 euros. Supón unha diminución con respecto ao ano 2022, pero debemos lembrar o Plan Ames Progresa que foi un gran esforzo inversor con proxectos de obras, novas instalacións e servizos para impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o emprego público”.
Por último, apuntou “neste exercicio incúmprese a estabilidade orzamentaria en 186.476,86 euros debido ao emprego do remanente de tesourería para gastos xerais. O mantemento da suspensión das regras fiscais (regra de gasto e estabilidade orzamentaria) fai que non sexa necesario aprobar un plan económico financeiro. En canto ao endebedamento indicar que no exercicio 2023 o Concello conta cun nivel de endebedamento baixo que ascende a 2.792.068,92 euros, que representa o 9,92% sobre os recursos ordinarios do orzamento. Dos 2.792.068,92 euros, 490.696,17 euros correspóndense con préstamos bancarios vinculados á EDUSI, mentres que 2.052.415,19 euros correspóndese con préstamos provinciais vinculados os distintos plans provinciais dende o 2015 (plan PAI, POS+…)”.
Intervención dos grupos da oposición
Sobre este asunto a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “a Conta Xeral mostra a xestión realizada polo grupo de goberno durante o ano 2023, valorándoa en función do grao de execución do orzamento e de como se realizaron eses gastos. Acadouse un 70% de execución, podía ser máis, pero tendo en conta que son un goberno en minoría, teremos que dalo por válido. En 2023 o Concello gastou máis do que ingresou, dando lugar a cifras negativas entrando en inestabilidade financeira, algo que pode ser preocupante de cara ao futuro se continuamos con esta tendencia. Segundo se desprende do informe de Intervención, cada amesán e cada amesá debemos 25,30 euros”.
Luísa Feijóo continuou dicindo que “é un goberno con falta de planificación e de xestión. Estamos a falar de baixada na recadación de ingresos, inestabilidade orzamentaria, inexistencia de licitacións, abuso de contratos menores, gastos sen orzamentar, partidas sensibles sen executar, aumento dos gastos en publicidade, baixada na execución de obras e perda de parte da subvención EDUSI. Hoxe apróbase a Conta Xeral, non se aproba a xestión do goberno, que queda claro que non merece este aprobado”.
Por parte do BNG, interviu a concelleira Rosalía Seijas, que dixo “en canto as principais magnitudes gustaríame destacar dúas. En primeiro lugar, a redución do remanente de tesouraría, a cal respecto do ano anterior diminúe en 2.714.220,18 euros, pero se o comparamos co remanente de 2019, que sería o último exercicio coa vixencia das regras fiscais, serían 4.259.889,41 euros menos. A segunda magnitude que quero destacar é que por segundo ano consecutivo o Concello de Ames pecha con necesidade de financiamento. Por segundo ano, os gastos financeiros foron superiores aos ingresos financeiros”.
Rosalía Seijas tamén incidiu en que “o goberno debe poñerse as pilas en canto a xestión, para que non teñamos que presenciar un incumprimento das regras fiscais que volven a estar en vigor. No referente a xestión financeiro – orzamentaria, dende unha perspectiva de sostibilidade, si se produce un incremento do gasto, os ingresos deberían de facelo do mesmo xeito. Dende o BNG non defendemos que este incremento se faga de calquera xeito, aplicándollo de forma xeneralizada a todos os veciños, senón que con políticas fiscais progresivas e xustas”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, tamén comezou dicindo que “o feito de aprobar a Conta Xeral non implica estar de acordo nin aprobar a xestión que se desenvolve durante dito exercicio por parte do goberno municipal, senón que o que se aproba é o reflexo contable das operación que se executaron ao longo do ano 2023. Dentro da Conta resulta primordial a liquidación do exercicio xa que é onde se reflicten os resultados económicos: o superávit, o remanente, as obrigas recoñecidas ao longo do exercicio, que nos dan información da súa execución. Pechamos o 2023 cun superávit de 2.750.000 euros e cun remanente de tesouraría de 5.327.887 euros. Vemos como ano tras ano redúcense as cifras de execución orzamentaria. O Concello de Ames medra a nivel orzamentario, pero é incapaz de xestionar todos os recursos económicos que ten. Temos unha inestabilidade orzamentaria de menos 186.000 euros”.
Oliva Agra tamén destacou “a Conta Xeral tamén reflexa que quedaron partidas enteiras sen gastar, sen gastar os gastos que había que ese fin. A recadación por IBI medra arredor de 400.000 euros por ano. O incremento na recadación podería ser un dato positivo se Ames medrase ano tras ano, pero non é así. Se relacionamos este incremento co remanente de tesourería, que é superior a 5 millóns de euros, non entendemos porque o Concello non baixa o IBI e non alivia a carga fiscal dos nosos veciños, como dende o Partido Popular levamos solicitando dende hai anos. Temos en caixa máis de 5 millóns de euros e non baixamos os impostos nin executamos obras”.
Peche do alcalde
Pechou o debate o alcalde, Blas García, que explicou que “os contratos menores son totalmente legais e o número de reparos son os mesmos que se levan producindo en anos anteriores, incluso podo dicir que son menos que en anos anteriores. A memoria é fráxil, o goberno municipal en 2023, durante case seis meses, estivo formado por tres grupos políticos, polo que moitos dos reparos dos que se dá conta hoxe, que critican, sobre gastos de publicidade, son seus, das áreas que xestionaban vostedes cando tiñan responsabilidades de goberno”.