10 noviembre, 2025
O Plan Único de Cooperación cos Concellos (POS+) da Deputación da Coruña consolidouse como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento de infraestruturas e servizos básicos no municipio de Negreira. Así o destacaron hoxe o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde da localidade, Manuel Ángel Leis, durante unha visita institucional na que fixeron balance dunha década de investimentos.
Segundo os datos facilitados, o Plan Único permitiu acometer 41 actuacións e mobilizar 9,5 millóns de euros, dentro dun investimento global da Deputación en Negreira que supera os 19,5 millóns. Estes fondos facilitáronlle ao municipio avanzar en proxectos fundamentais de saneamento, abastecemento de auga, mellora de camiños e espazos públicos, ámbitos nos que a administración local atopa maiores dificultades de financiamento.
González Formoso salientou que o POS+ “multiplicou por tres os fondos destinados aos concellos” e subliñou a súa flexibilidade, que permite que os gobernos municipais decidan o destino das achegas “en función das necesidades reais da veciñanza”. Como exemplo, citou a nova rede de saneamento e a estación de bombeo de Abeanca, cun investimento de 89.000 euros, actuación coa que se mellora a calidade dos servizos nunha zona de marcado carácter rural. O presidente instou ademais á Xunta de Galicia a reforzar o Fondo de Cooperación Local para avanzar nun modelo de financiamento “transparente e útil”.
O alcalde, Manuel Ángel Leis, coincidiu en que o Plan Único resulta “imprescindible” para concellos como Negreira, pois permite planificar a longo prazo. “Sen o apoio da Deputación, moitas destas obras non serían posibles”, afirmou, ao tempo que animou a outras administracións a seguir esta liña de reparto obxectivo dos recursos públicos.
Este ano, Negreira recibiu 1.680.918 euros a través do POS+2025, destinados tanto a novas obras como a gasto social e servizos esenciais.
No marco da visita, González Formoso e Leis asinaron un convenio de colaboración para renovar a capa de rodaxe da estrada que conecta a vía provincial DP 0564 co núcleo de Cuíña, moi deteriorada polo tráfico pesado derivado da actividade agrícola e gandeira. A intervención, cun custo total de 105.703 euros, consistirá nunha renovación integral do firme con mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor. A Deputación achegará o 80 % do investimento (84.562 euros) e o concello cubrirá o restante 20 % con fondos propios.
A axenda institucional completouse cunha visita ao Centro Ocupacional da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca da Barcala, situado en Negreira. A entidade, que desenvolve obradoiros de autonomía, formación e integración social para persoas con discapacidade intelectual, conta co apoio da Deputación a través das súas liñas de subvencións ao terceiro sector.
Formoso destacou o papel da Fundación como exemplo de compromiso social, sinalando que “chega onde ás veces non chega a administración” e contribuíndo a construír unha provincia “máis inclusiva e solidaria”. Pola súa banda, o alcalde Leis valorou o traballo do centro como “referente comarcal” para promover oportunidades reais de desenvolvemento persoal.