7 agosto, 2024
Do 5 ao 7 de xullo celebrouse en Agolada, Pontevedra, o XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, un evento que busca divulgar os oficios artesanais e impulsar a comercialización do produto artesán galego e doutros produtos gourmet de calidade, así como a buscar sinerxías entre a artesanía e outros sectores.
Nesta undécima edición participou o pintor e debuxante amesán Javi Penedo, no obradoiro de urban sketching “As mans que traballan”. Os/as seus integrantes aprenderon diversos recursos para captar o ambiente do evento nos pendellos de Agolada, que posteriormente empregaron para crear un diario artístico do encontro. O domingo 7 de xullo celebrouse un concurso entre os diarios elaborados no que Penedo obtivo o primeiro premio, unha dotación económica de 350 euros.
Javier Penedo explica que entrou no concurso a última hora, grazas a unhas compañeiras: “Para min foi a primeira vez en Agolada, pero foi unha experiencia impresionante. A profesora do concurso implicouse moito con nós e foi de gran axuda á hora de mellorar os nosos traballos”. Así mesmo, sinala que “aínda que gañar foi toda unha sorpresa, é un premio moi especial para min. Sen dúbida volverei o ano que ven”.