26 septiembre, 2024
O día da Ascensión (29 de maio) e o da Madalena (22 de xullo) volverán ser os festivos locais no Pino o ano que vén, ao coincidir o día de San Pedro (29 de xuño) en domingo. Así o aprobou por unanimidade o Pleno da Corporación.
Na sesión de onte, mércores 25 de setembro, tamén se aprobou por unanimidade a encomenda de xestión para que o Concello de Curtis se encargue de executar o proxecto senlleiro para poñer en valor a ruta das igrexas e da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, en base ao convenio que ten firmado con Agader. O obxectivo deste convenio é pór en valor os principais elementos de interese turístico, cultural, patrimonial e natural da trintena de municipios das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra que forman parte da denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Segundo explicou o alcalde esta encomenda e este proxecto terán custe cero para o Concello do Pino.
O Pleno tamén aprobou a conta xeral de 2023 e o expediente de suplemento de crédito para dotar de fondos aquelas áreas que nestes momentos son deficitarias, para que conten con partidas económicas ata finais de ano. Estes acordos saíron adiante cos votos favorables do equipo de goberno (PP) e coa abstención da oposición (PSdeG e BNG).
Viaqua, a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, solicitou o incremento do IPC na taxa para o vindeiro ano 2025, como figura no contrato de concesión. O Pleno aprobou a solicitude, polo que a taxa da auga subirá un 3,2% en 2025, ano no que vence o actual contrato de concesión, polo que este servizo volverá a saír a licitación.
A preguntas da oposición sobre determinadas ordenanzas, o alcalde explicou que o vindeiro mes de outubro se celebrará un pleno para revisar as ordenanzas fiscais. Entre elas a de recollida de lixo, que está pendente de fixar a coñecer definitivamente cal será a cantidade que a Xunta lle vai subvencionar aos concellos polo incremento do canon de Sogama.
Nese pleno extraordinario tamén se falará da taxa do subministro de auga e saneamento. A intención do equipo de goberno e incluír tamén o saneamento, pois a depuradora de Arca entrará en funcionamento as vindeiras semanas.