16 junio, 2025
O Concello do Pino vén de anunciar o inicio da edición 2025 do programa Vai de Praia, unha iniciativa xa consolidada no calendario estival do municipio e moi agardada pola veciñanza. O plan permitirá desfrutar de oito saídas organizadas a diferentes areais da xeografía galega durante os meses de xullo e agosto, con viaxes previstas todos os mércores.
O programa arrancará o 2 de xullo coa primeira excursión á praia Xardín, en Boiro, e continuará o día 9 na praia de San Francisco, en Muros. O día 16 será a quenda da praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal, e o mes pecharase o 30 de xullo cunha visita á Illa de Arousa. A mesma ruta repetirase durante o mes de agosto: o día 6 volverase á praia Xardín, o 13 a San Francisco, o 20 a Cabío e o 27 á Illa de Arousa.
O prezo por cada viaxe mantense igual que en anos anteriores: 10 euros para persoas adultas e 5 euros para menores de 13 anos, que deberán estar acompañados en todo momento por unha persoa adulta. Para facilitar a participación de toda a veciñanza, un autobús percorrerá as distintas parroquias do municipio, sendo imprescindible a inscrición previa para organizar os horarios e puntos de recollida.
As persoas interesadas poden reservar praza realizando o ingreso do importe correspondente na conta bancaria do Concello do Pino en Abanca (ES70 2080 0337 1131 1000 0078), ou ben entregando a documentación necesaria antes das 13:00 horas do día anterior á excursión. Para máis información, está dispoñible a Casa da Cultura, o número de teléfono 981 511 065 ou a web municipal www.opino.gal.