O Pino acolle dúas charlas para mellorar a seguridade das persoas maiores dentro do Plan Maior Seguridade
3 junio, 2025
O Concello do Pino impulsa este mes de xuño dúas sesións informativas dirixidas á poboación maior no marco do Plan Maior Seguridade, unha iniciativa da Garda Civil que busca previr riscos e promover o benestar deste colectivo. As charlas terán lugar nos locais sociais das parroquias de Ferreiros e Lardeiros, os días 16 e 26 de xuño, respectivamente, ambas en horario de 19:30 horas.
Durante os encontros, persoal da Garda Civil ofrecerá información práctica sobre seguridade no fogar, preveción de estafas e roubos, accidentes na vía pública e tamén sobre como actuar ante posibles casos de maltrato ou abandono. O obxectivo é fornecer ferramentas útiles que permitan ás persoas maiores recoñecer e evitar situacións de risco.
A primeira das charlas será o luns 16 de xuño en Ferreiros, mentres que a segunda celebrarase o xoves 26 de xuño en Lardeiros. A asistencia é gratuíta, mais cómpre anotarse previamente na Casa da Cultura ou chamando ao teléfono 981 511 065.