Presentación do cartel O Pepotazo 2025, co alcalde de Oroso, Álex Doval, membros do goberno local e representates da Comisión de Festas de Barciela-Sigüeiro
22 octubre, 2025
O Concello de Oroso acolleu a presentación oficial de O Pepotazo 2025, o gran evento de pre-fin de ano que xa se consolidou como unha das citas máis esperadas do calendario festivo da comarca. No acto participaron o alcalde de Oroso, Álex Doval, acompañado da concelleira de cultura, María Requejo, o concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, e representantes da Comisión de Festas Barciela-Sigüeiro, organizadora do evento.
O Pepotazo celebra este ano a súa 3ª edición e promete unha noite inesquecible o vindeiro sábado 27 de decembro, con máis de nove horas de festa, música e diversión. O evento desenvolverase de 21:00 h a 06:00 h, coa posta de pulseiras ata a 01:00 h, nun recinto pechado e vixiado, con carpa climatizada, zona chill out, foodtrucks, baños e servizo de gardarroupa, garantindo a seguridade e comodidade de todos os asistentes.
O escenario principal contará cun cartel excepcional que reunirá a algúns dos artistas e formacións máis recoñecidas do panorama galego e nacional: Paris de Noia, Olympus, Kike Varela, David Bermúdez, DJ Son1c, DJ Rokiño, Traffic House e DJ Ferre.
A combinación de música en directo, sesións DJ e ambientación especial fará que Sigüeiro viva unha noite única, pensada para todos os públicos.
A programación inclúe tamén o popular sorteo de 2.000 pepotes, as badaladas de fin de ano, doces da sorte e numerosas sorpresas que se desvelarán durante a noite.
Unha proposta que mestura tradición, festa e modernidade, convertendo O Pepotazo nunha experiencia colectiva e inesquecible.
As entradas xa están á venda a través de ataquilla.com e nos puntos de venda habituais en Oroso e comarca (consultar cartel oficial). A organización recomenda adquirir as entradas con antelación, dada a elevada demanda prevista.