29 junio, 2024
O Pazo da Peregrina vai ser o escenario do Ames Jazz os días 5 e 6 de xullo. O festival celebra a súa sétima edición repetindo formato. Por terceira vez na súa historia durará dous días, o venres 5 e o sábado 6 de xullo, e conta, ademais de cos habituais concertos, coa proxección dun documental e cun faladoiro que gardan relación co xénero musical.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “o Ames Jazz é un dos poucos festivais de jazz en galego. É un orgullo que se realice en Ames. A nosa intención é seguir traballando para que este festival chegue cada vez a máis xente, tratando de atraer á mocidade amesá”.
O primeiro dos concertos programados terá lugar o venres 5 de xullo, e correrá a cargo de María Toro Trío, integrado pola frautista e compositora María Toro, e polos músicos Guillermo Barrón e Adrián Alvarado. Trátase dun proxecto baseado na música flamenca que incorpora a profusión do jazz e doutras músicas populares.
Por outra banda, xa na segunda xornada, a do sábado 6, actuará o quinteto Kin García. O contrabaixista que lle da nome ao grupo, natural de Noia, é un dos músicos máis representativos do jazz galego e da world-music, cunha longa traxectoria nacional e internacional que no ano 2009 o levou a estar prenominado aos premios Grammy polo seu disco “Atlantic Bridge”. Actualmente compaxina a docencia como profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña na especialidade de jazz, coa súa carreira persoal como intérprete.
Faladoiro e proxección
Ademais, a oferta do festival complétase cun faladoiro sobre jazz e cunha proxección de cinema.
Deste xeito, o sábado 6 de xullo, ás 12:00 horas, terá lugar o faladoiro “Dende Galicia para o mundo”. O coloquio, que se celebrará no pub O Transistor, contará coa participación de Adrián Besada, Aitana Cuétara e Xacobe Martínez Antelo.
Ese mesmo día pola tarde, proxectarase o documental catalán: “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band”. Trátase dunha peza do director Ramón Tort protagonizada pola Sant Andreu Jazz Band. Esta orquestra, dirixida por Joan Chamorro, reúne a nenos e nenas de entre 6 e 18 anos arredor dun repertorio de jazz clásico que enche os auditorios máis importantes do país. O filme é unha viaxe da man do director da orquestra, que somerxe ao espectador nun método de ensinanza tan singular como os resultados que xera.
Así mesmo, volverase a contar, un ano máis, cun servizo de barra de bar durante os dous días que se celebre o encontro musical. En caso de previsión meteorolóxica adversa, tanto os concertos como a proxección dos documentais terán lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.