10 agosto, 2024
Mañá, 11 de agosto, o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá a fase final do concurso “Canta con Ames” a partir das 19:00 horas. O certame, que vai pola súa cuarta edición, “estase a converter nun fenómeno seguido por xente de todas as idades”, afirma a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Así mesmo, a concelleira destaca que nesta edición se superaron todas as barreiras: “ o nivel é moi alto e non vai ser sinxelo escoller aos gañadores”. O evento retransmitirase en directo a través dos perfís de Facebook e Instagram do Concello de Ames.
As 12 persoas seleccionadas polo xurado interpretarán dous temas completos de distinto estilo musical e loitarán por distintos premios económicos. Nesta gran final o público poderá gozar tamén da actuación de Rosa Arauzo, participante na edición do Canta con Ames do ano 2022 e na presente edición 2024 (aínda que foi eliminada en fase de preselección) que, con 87 anos, é a concursante máis veterana do certame. Así mesmo, Samuel Fernández interpretará unha canción coa súa guitarra, en homenaxe a Paco de Lucía, mentres o xurado delibera.
O Canta con Ames é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. A cuarta edición do certame comezou os días 12 e 13 de xullo coas dúas xornadas de preselección nas que participaron 32 persoas de Ames e doutros concellos como Lugo, A Estrada, Pontevedra, Vigo ou Madrid.
Tras a preselección e a semifinal, que se celebrou o pasado 3 agosto e á que asistiron preto de 400 persoas, o xurado do certame seleccionou a 12 finalistas: Andrea Penas López, Nerea Nieto Abal, Amanda Motos Díaz, Luciana Ames Berdejo e Anaís Fernández Fernández (persoas ata 17 anos); Paula Barreiro Rey, Ana Belén Vica Conde, Lucía Rabuñas Vázquez, Abrahán González Estévez e Lucía Rodríguez Barbosa (maiores de 18 anos); o trío formado por Mariña Rodeiro Jorge, Daniela Hermo Fernández e Gabriel Hermo Fernández; e o dúo de Silvia Veiga Alende e Cecilia Pardo Ferreiro.
Na final, que se vai desenvolver este domingo 11 de agosto ás 19:00 horas, os 12 finalistas terán que interpretar dúas cancións de distinto estilo musical, sen repetir temas entre eles. O xurado escollerá despois un gañador ou gañadora por categoría. Este ano o xurado do concurso está composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López, mentres que a presentadora é Lol Gómez.
Premios
Nesta cuarta edición, os premios son:
• 1ª categoría: 500 euros para o gañador/a.
• 2ª categoría: 500 euros para o gañador/a.
• 3ª categoría: 1.000 euros para o dúo-trio gañador.
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 3 gañadores ou gañadoras premiaráselle cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano.